Os Moure de Canadá de toda a vida

Os Moure de Canadá de toda a vida

16 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Chámase Moure e naceu no Canadá. Un dia descubreu nuns papeis vellos que o seu bisavó viñera dun lugar que chamaban Crecente en Galicia. Veu a coñecer o lugar dos seus ancestros, namorouse da lingua galega e agora fai poesía en galego e en inglés. Chámase Erin Mouré.

TEATRIÑOS OU ATURUXOS CALADOS, (2007), Erín Moure, Ed. Galaxia

É unha edición bilingüe, inglés-galego, realizada por María Reimóndez do libro da poeta canadense Erín Moure.

Wikipedia en galego
Erín Moure, nada en Calgary, Alberta, o 17 de abril de 1955. é unha poeta canadense. Estudou na Universidade de Calgary e na Universidade da Columbia Británica. Vive en Montreal, Quebec.

Wikipedia en inglés
Erín Moure (born April 17, 1955) is a Canadian poet in English and Galician and translator of poetry from French, Galician, Portuguese and Spanish into English.

Entrevista en A Nosa Terra
Como descubriu a súa orixe galega?
Foi unha historia algo novelesca. No 1994 encontrei xunto co meu pai uns papeis antigos que pertenceran ao seu avó. Era unha partida de nacemento do meu bisavó Bieito Moure Lobariñas. Naqueles documentos enrugados e velliños nomeábase Crecente e inmediatamente quixen coñecer o país do que viñeran os Moure. Non era como quen vai visitar uns parentes porque o meu bisavó emigrou de Galiza no 1848.

E visitou Crecente.
Visitei. E cando descubrín o son do galego, quedei encantada. Para min, sentir aquela lingua descoñecida era como ouvir un río, como escoitar unha caída de auga. Namoreime e quixen saber máis. No Canadá non se sabe nada de Galiza. Nin tan sequera de España, fóra de catro cousas básicas que quedaron sen actualizar desde os tempos de Francisco Franco. Así que para min era como descubrir un novo mundo. Aquel amor a primeira vista foi medrando ano a ano, en canto coñecín a súa literatura, a riqueza do seu vocabulario.

Para ser bisneta de galego fala mellor que moitos que viven en Galiza.
Iso non é certo. Eu falo coma unha nena de 11 anos. Pero non me preocupa. Xa falei coma unha de sete, de oito… Sigo aprendendo cada día, madurando o idioma. É incríbel que moitos galegos non coñezan a súa fala ou non a practiquen. Non entendo como só o 20 por cento dos pais lles falan en galego aos fillos. É un luxo histórico perder un patrimonio tan valioso coma este. Só encaixando esta actitude na historia de represión que sufriu o galego podo chegar a comprendelo. Eu sempre conto que eu coñecín o castelán a través da xente galega que coñecín no Canadá que me falaba nesa lingua. Aínda hoxe non o dou falado, máis alá de catro frases de turista. En troques, en galego até consigo pensar. E é curioso, cando penso en galego o meu xeito de reflexión cambia, limítase ao coñecemento que teño da lingua e obrígame a repensar a miña realidade a través do vocabulario que podo manexar. Supoño que isto cambiará cando domine máis o idioma.

Por todo isto entenderase que ten moito sentido presentar a versión galega de Little Theaters nunha edición bilingüe.

Efectivamente, este libro de poemas é un diálogo coas súas linguas, con todas as linguas nas que Erín Moure pode pensar e, grazas a elas, pensar de maneiras diversas. Teatriños é un canto e unha pescuda na diversidade lingüística e cultural do noso mundo, un mundo no que a xente xa non nace e morre no mesmo lugar, que se muda arrastrando canda si un rastro cultural que xermola onde menos se espera.

Cultura