Os museos coruñeses lideran un proxecto europeo para achegar a ciencia á cidadanía

Os museos coruñeses lideran un proxecto europeo para achegar a ciencia á cidadanía

22 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Os Museos Científicos Coruñeses lideran un grupo de traballo do proxecto europeo CASC (Cidades e Comunicación Científica). Concellos, museos, universidades e empresas de toda a Unión Europea compartirán coñecementos no marco desta iniciativa co obxectivo de explorar novas formas de incrementar o interese do público na ciencia.

O proxecto CASC intenta dar resposta a unha preocupación crecente en Europa: a da falta de implicación social no desenvolvemento da chamada Sociedade do Coñecemento. Os expertos apuntan que centros de investigación, empresas e administracións están a interrelacionarse de cara a ese obxectivo común, mentres a maior parte da cidadanía permanece allea. “A ciencia forma parte da nosa vida diaria e non podemos falar de Sociedade do Coñecemento se a maioría da poboación é analfabeta neste terreo”, afirmou en Radiofusión o director dos Museos Científicos Coruñeses, Xosé Antón Fraga.

En concreto, o grupo liderado desde a Coruña ten por fin identificar e analizar as prácticas divulgativas que teñen demostrado maior eficacia na conexión do coñecemento científico coa cidadanía. O equipo técnico dos museos da cidade herculina achega a súa experiencia previa noutros proxectos europeos, como o Premio Descartes de Comunicación da Ciencia, pero dá un paso máis cunha iniciativa de envergadura maior a todas as emprendidas ata o de agora. “É un orgullo, pero tamén un reto e unha responsabilidade”, asegurou Xosé Antón Fraga.

Sociedade