Os niños das andoriñas no ferrocarril

Os niños das andoriñas no ferrocarril

16 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A asociación ecoloxista ADEGA denuncia o impacto das obras do viaduto sobre unha colonia de andoriñas. Afirman que a colocación dunha rede no antigo viaduto do tren en Redondela causou danos aos máis de 80 niños desta ave protexida que se atopaban na estrutura do ferrocarril.

Trátase de dúas especies protexidas, a andoriña de cu branco (Delichon urbica) e cirrios (Apus apus), ambas especies insectívoras que gozan de protección e están consideradas en regresión e de interese especial polo Catálogo Español de Especies Ameazadas. Logo de comprobar que a rede instalada no viaduto impedía as andoriñas acceder aos seus niños e proporcionarlles comida ás súas crías, realizáronse xestións ante Patrimonio do estado e o venres abríronse finalmente uns buracos na rede. Nembargantes moitos dos niños estaban xa perdidos porque os pitos levaban días sen comer o que provocou que morreran máis da metade.

 

ADEGA manifesta as súas dúbidas sobre o futuro da colonia, xa que despois de moitos anos aniñando no mesmo sitio, as condicións mudaron radicalmente, e aínda que consigan lograr as niñadas este ano, é posible que nos vindeiros anos as andoriñas deixen Redondela dadas as dificultades. O colectivo ecoloxista denuncia a pouca sensibilidade e compromiso coa conservación do patrimonio por parte da administración, xa que actuacións semellantes con consecuencias nefastas non é primeira vez que acontecen e reclaman que se rematen de abrir os accesos na rede aos niños que aínda faltan, cando menos para que as andoriñas poidan efectuar a última posta deste ano.

Sociedade