Os pés perfectos de María Solar

Os pés perfectos de María Solar

13 de Outubro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Cerceda

O libro “Teño uns pés perfectos: un libro para ler cos pés descalzos”, da autora compostelá María Solar e publicado na colección Sete Leguas de Kalandraka, vén de ser incluído na selección The White Ravens 2016 pola Internationale Jugendbibliothek de Munich, que seleccionou 200 obras de 60 países para formar parte desta prestixiosa escolma dos mellores libros infantís e xuvenís.

Con este recoñecemento, o galego é unha das 42 linguas representadas en The White Ravens 2016, cuxo comité de selección destacou que María Solar aborda nesta obra un aspecto tan “novidoso e inusual” como os pés, dando como resultado un libro “informativo e entretido”. Os especialistas da Internationale Jugendbibliothek tamén destacaron o “enxeño” das ilustracións do arxentino Gusti, que invitan os lectores a “fixarse máis” nesta parte do corpo.
“Teño uns pés perfectos” é un dos títulos destacados no stand de Kalandraka en Liber, a feira do libro que se celebra ata mañá en Barcelona, e tamén ocupará un espazo importante no stand da editorial na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, do 19 ao 23 de outubro. Precisamente, será na Feira de Frankfurt onde se presente o catálogo impreso dos White Ravens, nun acto programado para o xoves día 20, ademais de permanecer exposto no espazo da Internationale Jugendbibliothek.
Concebido como un libro dentro doutro libro, “Teño uns pés perfectos” contén unha parte de creación literaria e outra informativa, diferenciadas pola cor do papel. O protagonista é un neno que se presenta a un concurso no que, inesperadamente, ten que demostrar os seus coñecementos sobre os pés, dos que non sabe nada ata que descobre un libro con información sobre os tipos de pés, a súa anatomía, a función que cumpren e moitas curiosidades sobre esa parte das extremidades inferiores que pasa tan desapercibida. A narración destaca polo ton humorístico e ameno.
Con esta nova distinción, María Solar suma outra nominación na lista The White Ravens, que xa acadara en 2015. Ademais, recibiu o Premio Lazarillo 2014 e o Premio Frei Martín Sarmiento en 2013 e 2014. A estes recoñecementos engádense os que acadou pola súa faceta como xornalista da Televisión de Galicia e da Radio Galega nos premios Mestre Mateo, sendo presentadora do programa cultural ZigZag. Ademais de xornalista, María Solar é licenciada en Bioloxía, diplomada en Maxisterio, e a súa bibliografía suma numerosos libros infantís e para público adulto.
Con este título son xa 14 libros do catálogo de KALANDRAKA incluídos na prestixiosa escolma The White Ravens que impulsa a Internationale Jugendbibliothek, unha institución fundada en 1949 por Jella Lepman para reunir literatura infantil e xuvenil de todo o mundo, analizala e achegala aos lectores como ferramenta de intercambio cultural.

Sociedade