Os parques son para o goce dos cidadáns

O xurado de Vilas en flor destacou a calidade dos parques de Fene
10 de Novembro, 2020 - 02:09 h. | Publicada por Radio Fene

Dúas flores de honra que honran a Fene como concello que mira polo medioambiente e por regalar á vida dos seus habitantes a calidade e a beleza que proporcionan as zonas verdes.

ESCOITA O PODCAST:

Foi chegar e bicar o santo, como soe dicirse. O Concello de Fene estreouse con nota en Vilas en flor, o proxecto coordinado en Galicia pola Fundación Juana de Vega no que se recoñecen as políticas de posta en valor de espazos públicos urbanos por medio de flor e planta coa finalidade de mellorar a calidade de vida da poboación, así como as accións de difusión e concienciación veciñal arredor da sostenibilidade ambiental.O xurado do certame outorgoulle a Fene un total de dúas Flores de Honra -o máximo son cinco, que ninguén obtivo até o momento-, valorando especialmente o coidado das ribeiras do Cádavo e o feito de que se manteña "adecuadamente" unha extensa rede de parques repartidos por todo o territorio.

A concelleira de Urbanismo de Fene, Mar Piñeiro, está moi orgullosa deste premio ao esforzo por manter en boas condicións os parques de Fene que sorprenderon tan positivamente ao xurado. "A falta dun casco antigo como teñen outras vilas, Fene ofrece un mapa de parques distribuídos por todas as parroquias". Un dos camiños por onde seguir, para Mar Piñeiro, é precisamente mantelos nas mellores condicións e dalos a coñecer á poboación para que os valore e goce deles. Se lle preguntamos cal dos parques feneses lle parece máis "coqueto", ela quédase co parque da Hortiña de Limodre pero enseguida fala da orixinalidade do parque Castelao coas súas galaxias ou do pulmón que é o parque lineal do Río Cádavo. Seguir apostando polo coidado das árbores senlleiras e sanear aquelas especies que están enfermas, é outro dos vieiros a seguir, en palabras da edil fenesa. Piñeiro destacou o labor do equipo de xardinería fenés que, aínda que pequeno, traballa con moita profesionalidade e entrega.

Dúas flores de honra.

Trala súa visita a Fene, o xurado decidiu outorgarlle ao Concello dúas Flores de Honra. A valoración destaca "a recuperación para espazo público" das ribeiras do Cádavo e sinálase o especial interese "do recinto memorando dos escritores galegos" e do parque situado baixo a ponte da autoestrada, cualificado como "estupendo" e "coidadísimo". O fallo prosegue subliñando "a recuperación de varias zonas de parque" situadas na periferia da zona urbana e tamén as medidas adoptadas pola Área de Servizos para coidar "exemplares arbóreos moi interesantes". Ademais tamén se valorou positivamente a estratexia municipal de compensar a ausencia dun casco antigo orixinal -algo que permitiría accións máis lucidas- mediante a "creación de parques tamén dispersos por todo o concello".

O proxecto internacional Vilas en Flor outorga un distintivo simbólico que se incrementa de par da excelencia das políticas públicas e dos seus resultados. O mínimo é unha Flor de Honra e o máximo son cinco, algo que ningún dos 28 municipios galegos participantes logrou até o momento. Canda Fene tamén se estrearon este ano na nosa zona os municipios de San Sadurniño, que obtivo unha Flor de Honra, e Narón e Pontedeume, que se fixeron con dúas cada un. No máximo de distincións atópanse municipios como Chantada ou Allariz -xa veteranos no certame- con catro flores. Vilas en flor tomou orixinariamente como modelo o xa implantado en países como Canadá, Reino Unido, Francia ou Italia.

(Na imaxe, o monumento ao pallaso, obra de Francisco Pérez Porto, no parque Castelao de Fene)

Institucional

Publica o teu comentario agora