Os pequen@s edúcanse en igualdade

Os pequen@s edúcanse en igualdade

15 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), iniciou esta semana as súas actividades educativas nos colexios ponteses ao abeiro do programa Unha Ollada cara a Igualdade, ideado para conmemorar o Día Internacional da Muller. Un ano máis, e xa van tres, a concellería que dirixe José Alén deu comezo ás diferentes actividades a desenvolver nos centros

Atalaia Social vólvese facer responsable do programa Semana da Muller nas Escolas que, ata o día 18, terá coma protagonista aos máis de 380 alumnos e alumnas de Monte Caxado, Santa María, A Magdalena e A Fraga.

A través de diferentes xogos populares, deportes e diferentes actividades, os máis novos aprenden a que non existen deportes para elas e para eles, que a condición física non depende do sexo e que tanto os nenos coma as nenas poden xogar con bonecas ou con coches. Deste xeito non só se pretenden detectar os comportamentos e estereotipos sexistas nos máis pequenos, senón tamén atallalos para fomentar unha convivencia igualitaria a través dos xogos en equipo.

Tamén onte arrincaron as charlas para os alumnos de Secundaria de Castro da Uz,  Moncho Valcarce e Monte Caxado e das que se está a encargar a directora do CIM, Mª Carmen Rego. Baixo o  título Diferentes pero Iguais, buscan traballar aspectos coma a influencia dos estereotipos de xénero na socialización, a linguaxe sexista, o papel de homes e mulleres na publicidade ou o papel das mulleres na Historia, na Ciencia ou na Política.

Mediante contos, a proxección de curtametraxes ou documentais e a análise de anuncios da televisión ou da prensa e da súa linguaxe o que se está a buscar é a identificación, por parte do estudantado, dos estereotipos de xénero, a visión crítica da sociedade e o repaso á historia da muller en todas as sociedades do planeta, dende o movemento feminista ata que a muller alcanza o seu dereito ao voto.

Asemade, onte arrincou tamén o primeiro taller de cesteiría en papel reciclado ideado tamén ao abeiro desta celebración. 16 mulleres tomarán parte ata maio nestas clases semanais de dúas horas de duración que está a impartir, na Casa de Don Pedro, a artista local Lourdes Acera Olaso, responsable de sacar, mediante o papel de xornal, toda a creatividade destas alumnas.

Sociedade