Os Premios Curuxa están a punto

Tres humoristas formarán parte do xurado.
03 de Xullo, 2019 - 02:22 h. | Publicada por Radio Fene

O xurado dos XXIII Premios Curuxa 2019 reunirase o vindeiro mércores 17 ás 12 horas no Museo do Humor de Fene. Ese mesmo dia dará a coñecer o fallo.

O xurado dos XXIII Premios Curuxa 2019 reunirase o vindeiro mércores 17 ás 12 horas no Museo do Humor de Fene, xuntanza trala cal dará a coñecer o seu fallo. Nomeado polo Concello, estará presidido polo alcalde, Gumersindo Galego Feal, e formarán parte del o edil de Cultura; a coordinadora do Museo do Humor, Almudena Marcos, e tres especialistas en humor gráfico ou humoristas gráficos que nesta edición serán: José Antonio Rodríguez López, “Gogue”; Fernando Iglesias Mouta, “Kohel”, e Ana Martínez Fernández.

José A. Rodríguez López, “Gogue” (O Grove, Pontevedra, 1953) (Na imaxe). Humorista gráfico e caricaturista, máis coñecido por “Gogue”. Os seus personaxes Floreano, Monchiña, Epifanio, Cachiña, Don Ramón O Cura e Fly, ofrecen cada día dende 1989 no xornal Faro de Vigo un retrato da realidade política e social en clave de humor galego. Ademais, Gogue imparte conferencias e publicou varios libros. A súa versátil obra, que vai dende a caricatura ata a creación de logotipos, animacións ou portadas de libros, amosouse en máis dunha vintena de exposicións e foi premiada en España e no extranxeiro. Tamén foi colaborador de publicacións como Black Agenda Report (Los Angeles), Ghetto Fabulous (Los Angeles), Fantasy Sports (New York), MovieMaker Magazine (Los Angeles), EastSunMagazine Renton (Washington), El Tiempo Latino del Washington Post, etc.

Fernando Iglesias Mouta, “Kohel” -Gañador do premio Curuxa 2018 (Vilagarcía de Arousa, 1967). Comezou a debuxar profesionalmente no ano 1987, no suplemento universitario do Correo Galego. Aínda que traballou na publicidade e ilustrou algúns libros, considérase sobre todo debuxante de banda deseñada que publicou en fanzines, diarios e revistas dende principios dos 90. Algunhas das obras de Kohell foron: Gorka (1998, en colaboración con Carlos Portela e Sergi Sanjulián, para Planeta de Agostini Cómics) e Impresiones de la isla (1993-1994, con Carlos Portela, para Camaleón Ediciones). Con esta última obtivo tres nomeamentos no Salón Internacional de Banda Deseñada de Barcelona de 1994; dous ao mellor autor revelación e un ao mellor guión. Ademais, posteriormente recuperou a obra no Diario de Pontevedra como páxina dominical, formato e xornal no que tamén publicou O cinema de papel. Tamén publicou durante dez anos (e un máis no Xornal de Galicia) unha viñeta diaria de carácter político coa firma de Orballo, sen esquecer a súa colaboración habitual na revista satírica Retranca e na infantil Fiz. Dende o ano 2012 traballa como mestre na primeira Escola Profesional de Banda Deseñada e ilustración de Galicia, coñecida como O Garaxe Hermético.

Ana Martínez Fernández -Gañadora do premio Curuxa Nova 2018-. Estudante. Malia súa mocidade, leva debuxando practicamente dende que ten uso de razón. Realizou o bacharelato artístico no IES Concepción Arenal de Ferrol e na actualidade estuda Ilustración na Escola Pablo Picasso da Coruña. Ana Martínez Fernández ten no seu haber varios premios artísticos e literarios. En 2018 resultou gañadora de dous dos Premios Lidera de Ferrol (un na vertente literaria e outro na artística). Ademais foi merecedora do XXII do Premio Curuxa Nova no Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor” que convoca o Museo do Humor de Fene.

Cultura

Publica o teu comentario agora