Os ríos galegos están doentes

Os ríos galegos están doentes

16 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os treitos fluviais galegos e os bosques de ribeira non gozan de moi boa saúde. Na comarca de Ferrolterra son tres os ríos que amosan unha saúde deficiente, os rios Saído e Migués de Ferrol e o río Belelle de Neda. Os datos despréndense do informe do Proxecto Ríos 2009 promovido pola asociación ecoloxista ADEGA, elaborado por 283 voluntarios que durante a primaveira e o outono deste ano, analizaron bacías de toda a rexión.

As bacías máis estudadas polos voluntarios de ADEGA, son as das Rías Baixas e a do Miño, que acadan entre ambas unha porcentaxe que rolda o 80% das inspeccións. A porcentaxe restante repártese entre as bacías do Arco Ártabro e Fisterrá, as do Limia-Douro e as bacías que verten ao Cantábrico. Os resultados das análises sinalan como ríos de saúde deficiente o Sar, ao seu paso por Santiago de Compostela, o río Bellele en Neda, o Tambre ao seu paso por San Xoán de Fecha, o río Currás en Vilanova de Arousa, os ríos Saído e Migués en Ferrol e o Limia en Xinzo.

De saúde grave atopouse un treito inspeccionado do río Sar. Ningún río estudado polo voluntariado do Proxecto Ríos amosou unhas condicións de saúde moi graves. En outono, con saúde deficiente observáronse os ríos Gafos, Lagares, Tambre, Loña e Limia. Amosou saúde grave o río Forxá ao seu paso por Guitiriz.
 
En función dos datos recibidos, os ecoloxistas afirman que o estado de saúde dos treitos analizados en 2009 é maioritariamente bo tanto na campaña de primavera como outono. No entanto, observáronse treitos con primeiros síntomas de deterioro, deficientes e incluso graves, porcentaxe que se incrementou un pouco respecto ao ano 2008. Isto  ven a indicar, salientan dende ADEGA, que os nosos ríos están a experimentar unha deriva na que se vén apreciando unha regresión no seu estado de saúde.

Estes datos vense constatados tamén polo estado de conservación do bosque de ribeira. Nas condicións das marxes dos ríos inspeccionados durante as dúas campañas, apréciase un aumento das alteracións importantes e das marxes moi degradadas.

Sociedade