Os recortes e os colapsos nas urxencias

Os recortes e os colapsos nas urxencias

16 de Xaneiro, 2017 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Pësima planificación, destrución de 1800 postos de traballo na sanidade pública galega, peche de camas e servizos hospitalarios no verán, contratacións precarias. Esas son as verdadeiras razóns dos colapsos nos servizos de urxencias e non a gripe, segundo denuncian fontes sindicais do sector.

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) atribúe aos recortes aplicados pola Xunta o «colapso» que están a padecer nos últimos días os servizos de urxencias. O secretario xeral desta federación, Ángel Cameselle, ve neste «caos e saturación» as consecuencias dunha «pésima planificación». Neste senso, o dirixente sindical lembra que nos últimos anos se destruíron 1800 postos de traballo no ámbito, ao tempo que houbo peche de camas e de servizos hospitalarios os meses de verán e contratacións precarias, entre outros recortes.

O sindicalista coida unha «broma de mal gusto» que o presidente da Xunta lle pida á poboación acudir aos centros de atención primaria para non colapsar os hospitais. Cameselle reproba as palabras de Feijóo, a quen culpa, precisamente, da «liquidación» do Plan de Mellora da Atención Primaria asinado por sindicatos, asociacións profesionais e Administración, que prevía o incremento dos cadros de persoal e contar con 66 centros de saúde máis. A isto engádese a falta de substitucións de profesionais como pediatras, médicos de familia ou persoal de enfermaría.

Ángel Cameselle é categórico ao afirmar que «os problemas non veñen de agora», senón que atopan a súa orixe, xustamente, na «mala planificación» a que se aludiu. Por esta razón, insta a Xunta a adoptar medidas «urxentes» para desconxestionar a situación. «Cómpre que todos os servizos sanitarios estean operativos e a pleno rendemento», para o que será preceptivo recuperar o emprego perdido nos últimos anos.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade coida que a situación nos servizos de urxencias debe corrixirse «decontado», xa que a imaxe a día de hoxe, con doentes «amoreados» polos corredores ou en salas de espera, constitúe un «atentado á súa propia dignidade». Con todo, Cameselle advirte de que as solucións que se tomen non poden atender unicamente á conxuntura, senón ir máis aló, porque as necesidades asistenciais en Galicia están cambiando por mor do envellecemento da poboación.

CCOO pide destitucións

Por último, Cameselle pídelle ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que destitúa dos seus cargos os xerentes que nin estiveron nin están á altura da situación.

Sociedade