Os Retales de Carnaval de Nena Daconte, en Ferrol

Os Retales de Carnaval de Nena Daconte, en Ferrol

26 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Nena Daconte desembarca mañá en Ferrol cos seus Retales de Carnaval. O concerto, de carácter gratuito, celebraráse ás dez da noite na Praza de Armas. A compañía de títeres Cachirulo animará as rúas da cidade unhas horas antes cun espectáculo para os máis pequenos.

Procedente da localidade cántabra de Torrelavega actúa mañá xoves na cidade departamental Nena Daconte, o grupo formado por Mai Meneses e Kim Fanlo, nunha xira que partía este ano da localidade almeriense de Roquetas de Mar e que os levaba polas principais urbes da península. Baixo o brazo traen o seu último traballo “Retales de Carnaval”. Un álbum máis maduro, luminoso e optimista e co que a banda se confirma dentro do panorama musical español.

 

O concerto terá lugar mañá xoves, a partir das dez da noite, na praza de Armas. Antes e para abrir boca, pequenos e maiores poderán disfrutar no mesmo escenario co espectáculo cómico-musical “Típico Tópico”, da compañía santiaguesa Títeres Cachirulo. A edil de Festas Beatriz Sestayo lembrou que o Cantón de Molíns acolle unha xornada máis os Campamentos Urbanos CUFO Festas Verán 2009, de 17.30 a a 21.30 horas.

Nena Daconte é un dúo formado pola cantante madrileña Mai Meneses e o músico barcelonés Kim Fanlo. O amor, a soidade e a búsqueda de ideas son algunhas das cuestións que abordan nas letras das súas cancións. Unidos polo concurso televisivo Operación Triunfo, ela era concursante e el o baixista que os acompañaba nas xiras, e logo de dous anos enriba dos escenarios xunto ao resto de participantes deste proxecto musical, Meneses e Fanlo deciden independizarse e comezar a súa carreira en solitario. Da obra de Gabriel García Márquez “El rastro de tu sangre en la arena” collen o nome que os lanzaría á fama, Nena Daconte.

Sociedade