Os sindicatos convocan para o 25 de marzo unha nova mobilización en defensa da sanidade pública

Os sindicatos convocan para o 25 de marzo unha nova mobilización en defensa da sanidade pública

25 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Lois Méndez, delegado nacional de CIG Saúde asegurou a Radiofusión que a Xunta pretende implantar en Galicia un novo modelo “privatizador” de centros e servizos sanitarios. O representante sindical acusou ao goberno do Partido Popular de “xogar co negocio da saúde” ao poñer en mans privadas a construcción do novo hospital de Vigo e afirmou que se pretende facer o mesmo co de Pontevedra e cos catro novos centros da saúde proxectados na área sanitaria de Ferrol (en Ares, A Capela, Cedeira e Narón).

Para Lois Méndez, a política dos populares en materia sanitaria “vai conducir a unha degradación do sistema actual, ademais de hipotecar a sanidade do futuro”. Entroutras cousas, o delegado de CIG-Saúde criticou o non cumprimento dos acordos asinados no Plan de Mellora da Atención Primaria e o recurte de orzamentos destinados a este capítulo.

“O ataque contra a sanidade pública comeza en Vigo. A defensa tamén”. Baixo este lema, ao redor dun cento de profesionais da área sanitaria de Ferrol concentráronse onte en solidariedade cos compañeiros da área Sanitaria de Vigo. Para o vindeiro 25 de marzo está convocada unha nova mobilización na cidade olívica na que participarán todas as plataformas en defensa da sanidade pública galega.  

Sociedade