Os sindicatos reclaman información detallada sobre as prexubilacións de ouro

Os sindicatos reclaman información detallada sobre as prexubilacións de ouro

07 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Caixa Galicia pagou 16,5 millóns de euros polo retiro do seu director xeral José Luís Méndez, segundo asegura hoxe o xornal El Pais. Desglósase esa cantidade nunha percepción de 8,5 millóns do fondo de pensións da entidade e outros 2,7 como rescisión anticipada do seu contrato. As centrais sindicais demandan da NCG información detallada sobre as cantidades recibidas pola cúpula directiva.

Estas cantidades coñécense o dia no que a caixa comunicou que a súa obra social “non é sostible”. Afirman que non hai cartos para manter o seu patrimonio inmobiliario e máis de 300 empregados que temen despidos.

Pola súa banda, os sindicatos insisten en coñecer as condicións dos contratos dos directivos e as cantidades exactas percibidas. Mentres o Banco de España afirma que as súas competencias en materia de retribucións das entidades son "moi limitadas". O regulador explicou que non dá a súa aprobación ás remuneracións, senón que vela pola "solvencia" das entidades do sistema financeiro, de modo que unicamente intervén, se tales retribucións afectan á solvencia. No caso de Novacaixagalicia, o FROB anunciou que revisará as indemnizacións a exdirectivos da caixa e, en xeral, o funcionamento da nova entidade, as novas condicións e a xestión.

Prexubilacións de ouro

A indemnización de Méndez –xubilado o 16 de setembro do 2010- é a contía máis alta recibida por un alto cargo de caixas en España. Sumada á doutros directivos, a contía alcanza 40 millóns de euros, que se “autoconcederon” de xeito simultáneo a unha inxección de diñeiro público que ronda os 3.600 millóns. José Luís Méndez exerce na actualidade como presidente da Fundación Caixa Galicia e forma parte dos consellos de administración de Reganosa, Sacyr e Tecnocom.

Sociedade