Os socialistas buscan fórmulas de gobernabilidade en 35 concellos

Os socialistas buscan fórmulas de gobernabilidade en 35 concellos

30 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, avanzou que este mesma tarde comezarán os contactos co BNG co fin de buscar "fórmulas de gobernabilidade" nos 35 concellos de Galicia onde hai "maiorías de progreso". Nun total de 21, segundo precisou, os socialistas son a forza máis votada, mentres que o Bloque goza de maior representación nos 14 restantes.

En rolda de prensa tras a reunión da Comisión Permanente da Executiva, reafirmouse en que o seu partido apoiará a investidura de "gobernos de progreso" en "todos os  lugares onde sexa posible" ao tempo que defendeu ir "máis alá" buscando "fórmulas que dean estabilidade a eses gobernos". "Pouco importa que lle digamos a un alcalde do BNG que lle votamos para que sexa alcalde se logo nos apartamos e non pode gobernar", razoou.
   De feito, o xefe de filas do PSdeG mantivo que os partidos políticos teñen "unha obriga" na "busca da gobernabilidade e a estabilidade" e, cinguindose ás "candidaturas progresistas", insistiu en que "os cidadáns que votaron opcións de progreso piden" non só que "se apoie" a investidura senón que se facilite a gobernabilidade.
   "Hai moitas fórmulas", formulou Vázquez, para quen "o modelo de coalición está perfectamente definido" e agora débese afondar no "modelo de gobernabilidade sen entrar no goberno". "En como se desenvolve isto temos que traballar todos", abundou, despois de precisar que o secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, iniciará esta tarde os contactos para intercambiar "opinións" cos nacionalistas.
"LIBERDADE" PARA BUSCAR MODELOS
   Dito isto, confiou en que o Bloque, ao igual que o PSdeG, manteña a posición de "garantir as investiduras" para despois deixar a cada agrupación "un certa liberdade para buscar modelos de gobernabilidade".
   En todo caso, os contactos entre ambas as dúas forzas, segundo Vázquez, manteranse ata a conformación das novas corporacións locais --11 de xuño--. "Haberá que falar para buscar criterios", concluíu, tras mostrar a súa confianza en que "ao longo desta semana" se definan eses elementos.

Sociedade