Os sucesos de Maniños de 1923

Os sucesos de Maniños de 1923
25 de Novembro, 2020 - 01:38 h. | Publicada por Radio Fene

Neste 25 de novembro botamos a vista atrás para falar da violencia de xénero. O lugar: a ribeira de Maniños en Fene. A data: 25 de novembro de 1923. “Un drama sanguento en Maniños. Dobre parricidio. Un home mata ás súa muller e a un fillo, fire a un veciño e despois se suicida.”  Ese era o titular de El Correo Gallego o 27 de novembro de 1923. Cualificaba o feito como un tráxico e sanguento suceso, do que resultaron catro vítimas: tres mortos e un ferido. Como sucederon os feitos?

Cemiterio de Maniños en Fene

O veciño de Ares Andrés Callobre, duns 50 anos de idade, natural de Franza, estaba separado da súa dona Carmen Vila xa desde había dezaseis anos. Estivera emigrado en Cuba ao menos en dúas ocasións. Carmen vivía no lugar da Ribeira en Maniños, cun fillo de 19 anos, outra filla máis nova e unha cuñada. Xa en diferentes ocasións Andrés tratara de agredila, o que non puido lograr grazas á intervención veciñal. Arredor da unha da tarde daquel fatídico dia, atopábase no seu domicilio a muller co fillo. Penetrou Andrés pistola en man e sen darlles tempo a nada fixo lume contra a muller, introducíndolle dúas balas na cabeza, que lle ocasionaron a morte instantánea. O fillo se interpuxo para defender á nai e tamén recibiu morte alevosa, de dous tiros que lle penetraron polo ventre. A nena non estaba na casa xa que fora por un recado a unha tenda das proximidades. Escapou Andrés e aínda lle disparou tamén a un veciño que saíu tras del. Foise esconder ao monte do Cacharulo no Seixo onde se quitou a vida. Un crime de violencia de xénero acaecido tal dia coma hoxe, o 25 de novembro de 1923 no lugar da Ribeira en Maniños.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora