Os tesouros de Rande, naufraxios e arqueoloxía submarina

Os tesouros de Rande, naufraxios e arqueoloxía submarina

06 de Marzo, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A pescuda dos tesouros de Rande, o cargamento da frota afundida no interior da ría de Vigo en 1702 é unha das cuestións abordadas na documentada exposición sobre arqueoloxia submarina que amosa na cidade olívica o Museo do Mar de Galicia. Tamén se poden contemplar as espadas da Idade do Bronce do río Ulla e o enxoval atopado no castro que se ubicaba na mesma localización do museo.

Segundo o arqueólogo submarino Ramón Patiño, os restos da frota de Rande atopanse enterrados a unha profundidade de máis de seis metros baixo unha capa de terra moi compacta no fondo do mar. Habería que empregar tecnoloxias moi avanzadas para localizar e identificar os hipotéticos “tesouros”.
 
Máis de mil cen quilómetros de costa e unhas augas tremendamente produtivas están detrás da vocación mariñeira das galegas e dos galegos. O primitivo salgado ou o moderno conxelado son métodos de conservacións tamén marcados polos avances técnicos e polo progreso nos estudios de bioloxía mariña. 
O Museo do Mar de Galicia está emplazado na vella fábrica de conservas Alcabre-Molino de Viento (1887). Reutilizada como matadoiro municipal, en 1992 a Xunta de Galicia encargou o anteproxecto do museo ao arquitecto italiano Aldo Rossi e ao galego César Portela. Trala morte de Aldo Rossi,César Portela proxecta un complexo integrado pola vella fábrica, un novo corpo de naves, a taberna, o acuario e o faro.
O conxunto de edificacións de 14.000 metros cadrados do Museo son, en palabras do propio arquitecto “… unha constelación de sitios que fai posible que cada visitante poida atopar ‘o seu’ propio, acompañado sempre pola cor, o son, o recendo…, o misterio do mar, tendo sempre como referencia a liña do horizonte ou, ao solpor, as luces dos faros de Cabo Home, de Cabo Silleiro, das Illas Cíes, do Monte da Guía, ou das innumerables balizas estratexicamente emprazadas que beirean os camiños do mar…. Un encontro afortunado entre unha arquitectura lóxica, unhas artes fermosas e unha natureza feliz”.
Sociedade