Os traballadores de LM Composites reúnense mañá en asamblea

Os traballadores de LM Composites reúnense mañá en asamblea

04 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Os traballadores de LM Composites reunénse mañá xoves en asamblea para analisar a información facilitada pola dirección da empresa en Santiago de Compostela. A garantía dos 90 empregos da factoria das Pontes, é dificil segundo os representantes empresariais que non queren concretar as posibilidades de ampliación da factoria para poder fabricar pás de maior tamaño, e con máis saída no mercado.

Onte celebrouse en Santiago a reunión prevista para abordar a encrucillada na que se atopa a fábrica de LM Composites en As Pontes.

Esta xuntanza, programada hai case quince días, e na que, a instancias do comité de empresa, se reuníu ós representantes da empresa, do concello, cos tres grupos con presenza no pleno municipal, dos tres sindicatos maioritarios, e da Consellería de Industria, chega nun intre condicionado polo futuro troco de goberno na Xunta. 

Por LM estiveron o Responsabel para a zona sul de Europa da multinacional danesa, Miguel Ángel Valbuena, que ven sendo o principal responsable de LM para España, a directora estatal de recursos humanos, Luisa Martínez, e pola factoría do noso município, o xerente, Javier Mieres, e a directora de recursos humanos Rocío Pena. Tamén os acompañou o asesor legal Nicolás Martín.

A dirección da empresa segue sen dar solucións e tampouco aclara o futuro do plantel. limitouse, ós requerementos de tódalas outras partes, a comunicarlle ós representantes dos traballadores que a garantía dos postos de traballo é difícil de manter na situación actual. 

Alegaron que as condicións da fábrica de Os Airíos, e a reducida carteira de pedidos, mesmo con tendencia a desaparecer reducen as expectativas de futuro desta pranta.

Así as cousas, unha vez máis plantexábase como saida de viabilidade a construcción dunha nova fábrica que permita facer pás do tamaño que demanda o mercado, pero dende LM insístese en que esa posibilidade está en estudio pola dirección.

Tan só se comprometeu a empresa a manter unha nova xuntanza nos vindeiros días, pero sempre para informar da viabilidade da fábrica actual, e mesmo o comité de empresa manifestaba nun comunicado que segue a desconfiar das intencións empresariais do grupo, e perante esta situación, e coa expectativa de que se formalice o novo goberno autonómico, coas súas consellerías, xa anuncian que van continuar coas reivindicacións na defensa dos postos de traballo de toda a plantiña, e sen descartar novas mobilizacións.

A empresa debe ser conscente de que a pelota está no seu tellado, e a administración local reiterou o seu apoio e o acceso a tódalas facilidades que se lles podan dar a traverso de axudas, e mesmo o terreo.

Nembargantes, aínda apelan dende LM, a que nesta situación de crise a dotación posterior da nave segue a supoñer un alto custe que non acaban de ver claro se non melloran as posibilidades de negocio actuais.

Aludiron á crise para xustificar as reservas a facer unha inversión forte cando non hai clientes, e os seus stocks están xa repretos nas diferentes fábricas que teñen no estado.

Tampouco se producíu ningunha negativa dende a central en Dinamarca a plantearse unha nova fábrica, pero terían que lograr acceso ó mercado eólico que se está a abrir, polo que esa posibilidade seguirá a ser da que tiren tanto os traballadores, como o resto de actores onte representados na capital galega, que reafirmaron o seu apoio ó comité de empresa.

O tempo xoga na contra das case cen familias, que a día de hoxe non teñen máis expectativas que ver de poder volver ós seus traballos ou seguir afectados polo ERE ata fin de ano. De calquera dos xeitos, o futuro segue a ser unha incógnita a partir de decembro, onde se sitúa a súa espada de Damocles.

Á espera de poder contar á fin co fluxo de información que non acaba de chegar ós traballadores afectados, mañá vanse reunir para comunicar a todo o plantel a situación actual, valorala, e consecuentemente, decidir os seguintes pasos a dar.

 

 

LM Composites puxo en marcha no pasado mes de febreiro un Expediente de Regulación de Emprego que afecta aos seus 90 traballadores durante todo o ano. A dirección da fábrica das Pontes xustificou a medida no descenso da demanda e a crise internacional.

O grupo LM Composites conta con factorias nas Pontes, Ponferrada (León) e Castellón. O comité de empresa teme polo futuro da instalación pontesa, dado que unicamente pode fabricar palas de pequeno tamaño, de ata 29 metros. Nas restantes fábricas do grupo montanse muiños de vento de ata 50 metros, polo que a viabilidade das Pontes pasaría pola súa ampliación ou a construcción dunha nova factoria. LM é un grupo danés, adicado á fabricación de palas para aeroxeneradores.

Sociedade