Os usuarios da Cociña Económica tamén poderán festexar o Nadal

Os usuarios da Cociña Económica tamén poderán festexar o Nadal

23 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Aínda que as instalación do comedor social permanecerán pechadas os días festivos (o 25 de Decembro e o 1 e 6 de xaneiro), os traballadores da principal institución benéfica de Ferrol repartirán o día anterior bolsas cunha comida especial e doces típicos destas datas.

Segundo asegurou a Radiofusión o presidente da Cociña Económica, Antonio Tostado, o 2009 foi un ano difícil no que se incrementou notablemente o número de persoas e familias da comarca que precisan deste servizo para poder comer. O balance de gastos e usuarios que realizan mensualmente os traballadores da institución reflexou dende o pasado mes de febrero un aumento constante de usuarios, pasando de oitenta ou noventa persoas de media diaria a máis de cento cincuenta (e rondando nalgunha ocasión as dúascentas).

Colectivos en exclusión social, persoas en situación crónica de pobreza, inmigrantes e, cada vez máis, persoas en situación de desemprego e risco de exclusión social. Son os principais destinatarios deste servizo no que se ofrece a cada usuario, de xeito gratuito, dous pratos de comida caseira e postre, ademais dun bocadillo para os días en que a Cociña permanece pechada.

A piques de cumprir os seis meses no cargo, para o novo presidente da Cociña Económica, un dos grandes logros que se conseguiron este ano foi a ampliación de horarios no comedor social. No canto dun turno, dende hai uns meses hai dous turnos de comida (de 12 a 13 h e de 13,30 a 14,30h), “o que permite atender ao crecente número de usuarios”.

Sociedade