Os vigueses volven enfrontarse esta fin de semana ás tropas napoleónicas

Os vigueses volven enfrontarse esta fin de semana ás tropas napoleónicas

25 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Tropas francesas, curas absolutistas, peixeiras decimonónicas e aventureiros portugueses invaden esta fin de semana as rúas de Vigo. A cidade olívica celebra a Festa da Reconquista, na que se recrea o levantamento popular que, o 28 de marzo de 1809, venceu ás tropas napoleónicas. Este acontecemento histórico tivo gran transcendencia para Vigo, que gañou o título de cidade, e tamén para o devir xeral da contenda contra o exército imperial

Máis de 300 persoas, ataviadas coas roupas da época, recrearán a batalla de 1809 e a elas sumaranse, como é habitual, numerosos espontáneos. Desde a Asociación Veciñal Casco Vello de Vigo, entidade que impulsa a festa co apoio do Concello, contaron a Radiofusiòn que este ano se incorporarán á representación dous novos exércitos populares e que se integraran máis combatentes ca nunca nos distintos bandos. Outra das novidades é o cambio de emprazamento. Múdase a Praza da Constitución, que segundo os organizadores se quedou pequena, pola Porta do Sol.

A representación da Reconquista terá lugar ás seis da tarde do domingo, pero a festa comeza xa desde o sábado pola mañá coa apertura do mercado, que contará coa participación de 190 postos e a exhibición de decenas de oficios tradicionais. A cita terá tamén banda sonora. Unha trintena de grupos encargaranse da animación de rúa, mentres que os concertos correrán a cargo de Quempallou e Pan de Lán.

Sociedade