Os viquingos saquean Redes

Os viquingos saquean Redes

05 de Agosto, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha gran flota viquinga partiu arredor das seis da tarde de onte da praia de Almieiras (Limodre Fene A Coruña). Apoiados por tropas de terra, os viquingos "tomaron" Redes e gozaron cunha festa da auga e da escuma na localidade aresán. As naves regresaron antes de que se fixera noite e deron conta dun multitudinario churrasco nas inmediacións do areal de Fene. Os Zares e On the Band arrufaron musicalmente a velada ata altas horas da madrugada.

"Parece a romería do Biscordel" afirmaba un dos participantes na expedición, xa de avanzada idade. O dia chuvioso desanimou a algúns dos participantes na incursión que foi recibida con mangueiras e caldeiros de auga na praia de Area Morta e no porto de Redes. Cúmprense sete edicións dunha batalla que terá a súa segunda parte o sábado 18 de agosto. Daquela os "piratas" de Redes intentarán tomar a venganza e invadir Limodre.

A historia dos viquingos

As invasións viquingas en Galicia prodúcense entre os séculos VII e XII. Escandinavia era unha potencia naval, comercial e militar, lanzando periódicas expedicións comerciais de saqueo e conquista. A primeira incursión remóntase a agosto do ano 844. Os viquingos saquean aldeas costeiras ata que foron rexeitados nos arredores da Torre de Hércules. No ano 858, durante o reinado de Ordoño I, reapareceu nas costas de Galicia unha gran flota viquinga.
Unha nova invasión prodúcese no ano 968 coa participación dunhas 200 naves. Os viquingos toman Santiago e permanecen 3 anos en terras galegas, matando e saqueando, pero cando regresaban ás súas naves cargados co botín e prisioneiros foron interceptados por un exército ao mando do conde Gonzalo Sánchez, que conseguiu vencelos nos arredores da ría de Ferrol cara o ano 970, dando morte a Gunderedo e queimando a maioría das súas naves.

Sociedade