Ourense acolle as V Xornadas de Agroecoloxía

Ourense acolle as V Xornadas de Agroecoloxía

15 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Os colectivos A Esmorga, Amigos da Terra, Semente, Sem Um Cam e Verdegaia convídannos a participar nas V Xornadas de Agroecoloxía de Ourense que comezan este xoves, 17 de febreiro, e que se prolongarán ata o venres 4 de marzo. Case 20 días de festa e reflexión sobre os proxectos sociais, culturais e ecoloxistas realizados conxuntamente ao longo de todo o 2010 e comezos deste 2011. O obxectivo é facer cada vez

Este xoves, 17 de febreiro, as Xornadas arrincarán cunha charla baixo o título “Mulleres e medio rural”. Celebrarase ás oito da tarde no Centro Social Sem Um Cam (rúa do Vilar, 9) coa participación de Tareixa Ledo e Lidia Senra.

Ao día seguinte, o venres 18, o coloquio levará por nome “Decrecemento”. Nel tentarán desmontar “a falacia que asocia crecemento económico con benestar, servizos sociais ou calidade de vida. O decrecemento, non só como teoría filosófica senón tamén como modo de vida, vira as costas ao capitalismo na procura doutros mundos posibles, no camiño da xustiza social e ecolóxica”, aseguran desde a organización. O encargado de impartir a charla será Carlos Taibo e terá lugar no Centro Social A Esmorga (rúa Telleira, 9), ás oito da tarde.

O sábado 19 de febreiro co obxectivo de favorecer a recuperación e conservación das variedades tradicionais de plantas que foron mantidas desde sempre polas agricultoras locais realizarán un banco de sementes e un mercadiño de troco de sementes ecolóxicas. Están convidados a participar todas as veciñas e veciños. Realizarase no Parque Infantil do Polvorín (Barrio do Polvorín), de once da mañá a dúas da tarde.

O domingo, 20 de febreiro, o protagonista será un xantar anti-transxénicos. Como primeiro prato, Charo Sánchez do Sindicato Labrego Galego falará da repercusión da introdución dos transxénicos no agro galego e das consecuencias sobre a nosa alimentación. O coloquio desenvolverase ao longo dun xantar cento por cento ecolóxico, onde os asistentes debaterán sobre as posible receitas para deixar fora das nosas mesas os produtos manipulados xeneticamente. A proposta celebrarase no Centro Social Sem Um Cam á unha e media da tarde. Para participar hai que inscribirse previamente no correo electrónico informacion@agrourense.info e pagar cinco euros.

As V Xornadas de Agroecoloxía de Ourense continúan o martes, 22 de febreiro, coa conferencia “A privatización dos recursos: Os exemplos da agua e o solo”. Nela Manuel Docampo, membro da executiva nacional do Sindicato Labrego Galego falará da nova Lei de Augas da Xunta, da nova Lei do Solo e das Directrices de Ordenación do Territorio. Terá lugar no Centro Social A Esmorga ás oito da tarde.

O mércores, 23 de febreiro, de voz do economista ourensán José Iglesias as Xornadas servirán para revisar o ideario que latexa en moitos dos movementos sociais seguindo a liña de análise da Economía Crítica. “Unha visión crítica do consumo responsable” é o título da charla que terá lugar na Facultade de Ferro (aula 0.3), no Campus Universitario de Ourense, ás oito da tarde.

Para o venres, 25 de febreiro, está programada unha visita guiada a un hipermercado, xa que é un “fiel representante da sociedade de consumo actual, da exclusión e insustentabilidade que caracteriza a globalización económica”, segundo os organizadores da cita, que engaden que “a concentración da distribución nas multinacionais promove tamén a globalización da agricultura no mundo, provocando o uso irresponsable dos recursos e atentando gravemente contra a seguridade e soberanía alimentaria dos labregos e traballadores, así como a dos propios consumidores”. A visita celebrarase ás sete da tarde e os participantes reuniranse na Estatua Carrabouxo (Parque de San Lázaro).

Ese mesmo día, a partir das dez da noite, celebrarase un concerto no que actuarán Ugía Pedreira e Fred Martins, Sacha na Horta e Tristteto, que colaboran de forma altruísta en apoio das Xornadas de Agroecoloxía. Será Café Cultural Auriense. A entrada custará cinco euros.

O sábado, 26 de febreiro, terá lugar unha nova visita, neste caso, á Fundación Galicia Verde. Sitauda no concello de Forcarei a entidade ten como fins, entre outros, os de promover o cambio social e a sustentabilidade no medio rural, así como a concienciación e a denuncia dos dos graves problemas que afectan ao medio natural. Un proxecto transformador que parte da iniciativa de particulares sensibilizadas coa crise social e ambiental. Os asistentes sairán da rotonda do afiador (no lateral do Edificio Politécnico da Universidade, ao lado da estrada que vai a Castro Caldelas), ás nove e media da mañá. É preciso inscribirse previamente no correo informacion@agrourense.info (avisar se se dispón de coche).

Xa en marzo, o martes 1, as “finanzas éticas” serán as protagonistas. Fiare, Coop57 e O Peto son propostas económicas de ámbito galego que posibilitan incidir social, cultural e ecoloxicamente no noso entorno. A mesa redonda terá lugar na Cafetería Grándola (praza de San Marcial), ás oito da tarde.

A última das xornadas celebrarase o venres, 4 de marzo, e consistirá nunha reunión da Rede Galega de Consumo Responsable. A Casa da Xuventude de Ourense (rúa Celso Emilio Ferreiro, 27) acollerá a xuntanza ás cinco da tarde.

Sociedade