Ourense tende unha ponte entre o turismo termal de Europa e América Latina

Ourense tende unha ponte entre o turismo termal de Europa e América Latina

14 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

31 países, 241 expositores, 10.500  metros cadrados. Estas son algunhas cifras que definen a Feira Internacional de Turismo Termal, Termatalia. Trátase do único evento destas características da Península Ibérica e converteuse xa en todo un referente mundial, coa participación de expositores de catro continentes. A cita abrirá as súas portas este venres día 16 en Expourense e desenvolverase ata o domingo 18.

A Feira Internacional de Turismo Termal pretende servir de ponte entre diferentes continentes, unindo as potencialidades do sector en América Latina coa experiencia e innovación que ten Europa na materia. Explicouno así en Radiofusiòn a directora de xestión de Termatalia, Enma González, quen incidiu en que esta característica converte o evento en “único”.

No marco de Termatalia celébranse citas como o VI Encontro de Cidades Termais ou unha Xornada Técnica sobre Hidroloxía Médica. Ademais de actividade profesional, a feira conta con propostas para todos os públicos, tales como coñecer o interior dun balneario, probar o sabor das augas de diferentes países ou acceder a descontos turísticos. “Garantimos que ninguén se vai aburrir”, declarou Enma González.

Sociedade