Outeiro de Rei acolle as II Xornadas de Condución Segura para persoas con discapacidade física

Outeiro de Rei acolle as II Xornadas de Condución Segura para persoas con discapacidade física

15 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Organizadas pola Asociación Basanta Motosport en colaboración coa Área de Deportes da Deputación e por Avelino Basanta, piloto de rallyes con discapacidade, as xornadas terán lugar o próximo sábado nunha parte do polígono industrial de Outeiro de Rei.

Vinte conductores con discapacidade poderán aprender técnicas de condución segura en vehículos adaptados ás súas necesidades na próxima fin de semana. Ter destreza fronte ó volante en condicións adversas coma choiva nas estradas ou reaccionar ante freadas bruscas son só algúns dos obxectivos polos que se organizan estas xornadas. A finalidade: conseguir unha maior seguridade e evitar accidentes.

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, amosouse satisfeito coa posta en marcha desta iniciativa e afirmou que “este proxecto, ademais da súa importante compoñente deportiva e social, pode ser un espello no que mirarse para todos e todas, xa que na vida, coma no deporte, do que se trata é de ir superando as metas e os retos que van xurdindo”.

Dende a Asociación Basanta Motorsport contan con realizar estas xornadas polo menos dúas veces ó ano para que calquera persoa que se atope cunha discapacidade froito dun accidente ou que queira acceder a sacar o carné de conducir teñan neles unha referencia á que acudir.

En Outeiro de Rei participarán o próximo sábado vinte persoas que, en principio, eran as prazas habilitadas. Porén, pola ampla demanda que houbo tratarase de darlle prioridade a aquelas persoas que se están preparando para sacar o carné ou tamén ás que se atoparon coa discapacidade física mais recentemente.

Sociedade