A pé de festa en festa

A pé de festa en festa
13 de Maio, 2020 - 02:08 h. | Publicada por Radio Fene

Co toldo a costas, de festa en festa. Era imposible ter colesterol.

ESCOITA O PODCAST:

Nos anos 50 ninguén podía ter colesterol, en vista dos quilómetros que tiña que andar a xente para todo. Camiñar era o deporte nacional nunha Galiza coa poboación dispersa e escasos medios de locomoción. Paco Permuy sabeo moi ben porque sendo o seu pai toldeiro, desde a máis tenra infancia tivo que camiñar desde Magalofes onde vivían, aos sitios máis lonxanos para instalar o toldo no tempo das festas. Da súa axetreada infancia falou no espazo “Recordando o noso” das Tardes Activas dos Servizos sociais de Fene. Na radio confluíu esta mañá co seu monitor, Jaime Lendoiro. Os transportes no pasado son o motivo deste curso.

Contou Permuy que o señor Pepe, avó do exalcalde de Fene Gumersindo Galego, leváballes no carro as sillas e mesas, o toldo, as bebidas, cafeteiras… Erguíanse ás seis da mañá para cargar o carro e Paco e máis outros,  empezaban a camiñar por atallos ata chegar ao campo da festa. O seu pai comprou moto pero so podía levar a unha persoa. Conta Paco Permuy, nesta entrega de Recordando o noso, unha chea de anécdotas curiosas. E para o final deixaron a incógnita de cando se creou o economato de Astano. Vanse achegando, con pistas e testemuñas varias, á data esacta da súa posta en funcionamento.

 

(Festa de Barallobre 1965. Fonte: Cóntanos Fene)

Cultura

Publica o teu comentario agora