Pérez-Barreiro, a independencia ao servizo do país

Pérez-Barreiro, a independencia ao servizo do país

31 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), organiza  o venres 7 de xaneiro de 2011, ás 20:00 horas no Hotel Bahía de Baiona, un acto cívico en memoria de Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931-Lancaster, 2010). A velada en lembranza do intelectual e tradutor ferrolán recoñecerá o seu traballo a prol da cultura de Galicia, cando se cumpre o primeiro aniversario do seu pasamento. No acto, conducido pola xornalis

Pérez-Barreiro licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Marchou a vivir a Inglaterra en 1963 onde foi realizador, redactor e locutor dos programas de radio dos servizos exteriores da BBC para España ata 1996. Desde entón e ata 1993, exerceu como director do servizo de tradución da Organización Internacional do Café (OIC).

Posuidor dunha ampla traxectoria intelectual e no eido da tradución lingüística, en 1972 publicou (Vigo, Galaxia) a primeira tradución galega de Macbeth. Os seus coñecementos de chinés, adquiridos nos anos 1980, permitíronlle publicar en 1982 (Vigo, Xerais) unha antoloxía de narrativa curta chinesa moderna, Flores e leña, sendo as primeiras versións directas do chinés ao galego. Tamén traduciu Alicia no país das marabillas e Alicia ao outro lado do espello (Lewis Carroll), canda a súa dona Teresa Barro, e o primeiro deses títulos valeulle o premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís, a nivel estatal (1985). Nos anos 1990 impartiu cursos de tradución en universidades inglesaS (Westminster, Thames Walley) e europeas (Granada, Lisboa). En 2005 confeccionou un Breviario do pensamento clásico chinés co que obtivo o premio Plácido Castro de tradución, ano en que tamén recibiu o Pedrón de Honra.

Participante e animador do Grupo de Traballo Galego de Londres, prestou especial atención á dinamización do mundo educativo, con iniciativas e reflexións orientadas a fomentar un espírito crítico e creativo.

A súa relación con Galicia mantívose a través das traducións do inglés ao galego e do seu labor como membro do consello asesor do IGADI. Tamén escribía con regularidade para publicacións galegas, como A Nosa Terra, Tempos novos ou Tempo exterior.

Foi membro correspondente da Real Academia Galega e integrante da Comisión de acción exterior do Consello da Cultura Galega. En 2007 foi obxecto dunha homenaxe con motivo do Día Internacional da Tradución. En 2009 recibiu a Medalla castelao, a máxima distinción que outorga o goberno galego.  

Fernando Pérez-Barreiro Nolla foi, ante todo, un intelectual comprometido a partes iguais coa súa independencia e co seu país, achegando sempre, calquera que fose o eido de aplicación, frescura e inteligencia constructivas.

Cultura