A pócema laranxa outórgalles aos de Burela vantaxe para as illas (4-0)

A pócema laranxa outórgalles aos de Burela vantaxe para as illas (4-0)

16 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O Burela FS superou o primeiro asalto cara á elite con solvencia. A pócema laranxa, o apoio de Vista Alegre, surtiu o efecto desexado sobre os burelistas, que demostraron unha loable seriedade tanto en ataque coma en defensa, unha seriedade que lles deu a ampla vitoria por 4-0 na batalla contra o Colegios Arenas Gáldar e lles outorga a vantaxe no desprazamento da próxima semana ás illas Canarias.

Os pupilos de Suso Rey saíron coa mente posta na portería ante un Gáldar incómodo na pista. O peso do partido foi para os laranxas, que buscaron a meta rival dende os compases iniciais, pero Óscar, con moito traballo no primeiro período, mantivo o marcador sen movemento.

Co reinicio, o Gáldar adiantou a defensa e conseguiu reducir as tentativas dos laranxas ata que, no minuto 28, Víctor Cachón aproveitou unha xogada a balón parado, tras unha falta de Minhoca, para iluminar a bomboneira. Con vantaxe de 1-0, a decisión burelista foi valente; Suso Rey optou pola saída de Purao como porteiro xogador ante o grande estratega do xogo de cinco. E funcionou. No minuto 32, os mariñáns volveron ver a portería tras unha galopada de André que culminou de novo Víctor.

A reacción visitante foi tamén atacar con cinco, con Minhoca como estandarte, pero os burelaos non lles deron opción. Brais, moi acertado, conseguiu deixar a meta local inmaculada, coa sacrificada axuda dos compañeiros e o capitán Juanma sentenciou o encontro a porta baleira en senllos roubos (minutos 36 e 38).

Agora a pelota está no tellado dos canarios, que recibirán o Burela FS o vindeiro sábado, 21 de maio, ás 18.30 horas (hora insular) en Gáldar na illa de Gran Canaria.

Deportes