As paisaxes de Cabanas no obxectivo das cámaras

As paisaxes de Cabanas no obxectivo das cámaras

01 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellería de Turismo de Cabanas organiza para este mes de agosto o I Concurso de Fotografía Concello de Cabanas. Nel poderán participar todas aquelas persoas que así o desexen e o tema das obras será o de paisaxes do municipio. O prazo de entrega para os traballos abrirase este mesmo luns e permanecerá aberto ata o 30 de setembro.

As obras a presentar serán fotografías tomadas con calquera cámara dixital, incluso as integradas en teléfonos móbiles e outros dispositivos e deberán entregarse nun CD acompañadas dunha copia impresa en papel fotográfico cun tamaño mínimo de 13x18 cm e un máximo de 20x30 cm. Cada concursante poderá achegar un máximo de dez fotografías, que poderán estar retocadas mais indicando que efecto ou técnica se está a empregar. O que non se aceptarán serán fotomontaxes.

Unha vez rematado o prazo de entrega, o Concello de Cabanas procederá a efectuar unha exposición coas mesmas na Escola Laica, onde a xente que alí acuda a velas poderá votar polas súas favoritas. De feito, estás votacións terán un valor dun 50% á hora de escoller quen será o gañador, sendo o 50% restante o resultado dun xurado escollido polo Concello de Cabanas.

O gañador deste concurso levarase un premio en metálico de 150€, un diploma e a súa obra será o cartel das festas de Santa Marta en 2012. O segundo premio serán 100€ e un diploma e o terceiro 50€ e diploma. Ademais entregarase un premio na categoría especial de “Posta de Sol” que será un bono para unha sesión no centro de beleza Belladona de Cabanas.

Sociedade