A paixón é unha das grandes riquezas das ONGs, segundo Juan Mezo

A paixón é unha das grandes riquezas das ONGs, segundo Juan Mezo

27 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A paixón é unha das grandes riquezas das Organizacións Non Gubernamentais, segundo o socio de Valores & Marketing Juan Mezo. A xente que traballa no terceiro sector pon niso a ialma, pero esa riqueza pode tamén transformarse en debilidade.

Para quen foi director de comunicación da Fundación Intermón, ás veces esquécese o cerebro, a eficacia e a eficiencia e iso require dun proceso de aprendizaxe. Juan Mezo estima que as organizacións non gubernamentais deben animar ás persoas a colaborar segundo os valores que consideren de importancia. Trátase de seducir vontades, tanto para captar recursos económicos como para lograr voluntarios. Para iso, hai que definir un Plan, unha estratexia para ver cómo nos achegamos ás persoas, como facilitar as canles para qeu as persoas participen. “As persoas non colaboran con organizacións, axudan ás causas que lle parecen importantes” conclue Juan Mezo.

Javier López, director xeral da Fundación Barrié; Marcos Concepción, director xerente da Asociación Española de Fundraising; e Juan Mezo, socio-director de Valores & Mercadotecnia, participan este xoves 27 de outubro, ás 19.00 horas, na mesa redonda Modelos de éxito na captación de fondos, que moderará Carlos Cortés, director académico do programa formativo de máis Social e que acolle a Fundación Barrié na Coruña. Esta actividade, de entrada libre, enmárcase no programa formativo de máis Social, un proxecto da Fundación Barrié e a Fundación PwC para o fortalecemento da xestión do terceiro sector. Creado por ambas as fundacións a principios de 2011, Máis Social ten a finalidade de profesionalizar a xestión das entidades sociais galegas facilitándolles financiamento para a contratación de profesionais, apoio para o deseño dun plan estratéxico de acción e este programa formativo iniciado a principios de outubro coa conferencia ofrecida por Ignasi Carreiras.

Nunha contorna de crise, no que as administracións restrinxen os seus orzamentos e os mecenas habituais están a reestruturarse, as entidades sociais ven obrigadas a cuestionar a súa política de captación de fondos e a revisar a esencia da súa misión social. O vindeiro xoves, os participantes da mesa redonda analizarán a evolución cara a un modelo de maior implicación e necesidade e reflexionarán, a partir dalgunhas experiencias de éxito, que camiños son posibles para lograr un financiamento sustentable das entidades sociais que operan en Galicia.

Sociedade