Paloma Aguirre: “A mellor maneira de solucionar os problemas é previlos”

Paloma Aguirre: “A mellor maneira de solucionar os problemas é previlos”

15 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O Refuxio de Bando, un refuxio mancomunado no que participan os concellos de Ames, Brión, Boqueixón, Vedra, Teo e Santiago de Compostela, vén de presentar nos últimos días unha nova campaña para fomentar a adopción de animais abandonados. Paloma Aguirre é a directora deste centro de acollida temporal de animais.

“A mellor maneira de solucionar os problemas é previlos” afirma Aguirre ao referirse ao labor do Refuxio. Considera que o máis importante é formar aos nenos, xa que “son os futuros donos e defensores de animais”, ademais de concienciar á xente que non ten animais para que “non crean que son seres perigosos ou que poden contaxiar enfermidades”. Apunta que a ausencia do sistema informativo do microchip é o principal motivo da meirande parte dos extravíos de animais. Laiase do aumento do número de animais que ingresan no centro, xa que “o pasado ano foron 1.325, unha cifra moi elevada”.

Un “minicamiño”, aproveitando o ano Xacobeo, un “mercadillo solidario”, ou saídas con animais ao centro de Santiago e outros concellos, son algunhas das actividades que desenvolveu o centro nos últimos meses. “Sempre saímos preparados para que a xente vexa como son” indica a responsable do centro. Malia que recoñece o esforzo dalgúns concellos, Aguirre sinala que as axudas por parte da Administración resultan insuficientes e coida que “o máis importante é inverter na prevención para que non haxa abandonos”.

Segundo Aguirre, os animais abandonados “son exactamente iguais que os que se venden en tendas ou en criadeiros” e “soen apreciar moito máis o que se lles dá, porque saben o que é pasalo mal”. Advirte tamén da grande explotación existente no comercio de animais e pide á xente que adopte animais que sexa consciente de que “non son un obxecto e dependen completamente de nós”.

Sociedade