A pandeira toca no Piornedo

A pandeira toca no Piornedo

20 de Agosto, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A pandeira é redonda, cuns corenta centímetros de diámetro e entre oito e doce de alto. Leva ferreñas no marco e nos Ancares nunca foi substituida pola pandeireta. Conserva a dia de hoxe a súa vixencia. A asociación O Teixeiro organiza para este sábado a novena Festa da Pandeira e congregará en Cervantes a tocadoras de toda a comarca.

O lugar de Piornedo, pertencente á parroquia de Donís, no concello de Cervantes, acollerá este sábado a novena edición da Festa da Pandeira, que reunirá a 14 tocadoras procedentes de distintos lugares da serra dos Ancares, pertencentes ás provincias de Lugo, Asturias e León.

A Vicepresidencia da Deputación financia esta actividade cunha axuda de 4.000 euros. O responsable da área de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, asinou con Isolina Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural O Teixeiro, entidade organizadora deste encontro anual, un convenio de colaboración co obxectivo de contribuír ao mantemento desta actividade e lograr así que este importante legado musical e cultural dos Ancares non se perda. Mario Outeiro loubou o traballo de recuperación que na última década realiza a Asociación O Teixeiro e avogou pola “incorporación de xente moza á tradición de tocar a pandeira para que a súa música siga viva no futuro”.

O programa do encontro deste sábado comezará á unha da tarde coa acollida ás tocadoras procedentes de distintos puntos dos Ancares e un xantar. A partir das cinco da tarde comezarán, na carpa ubicada no Quintairo das Ovellas, as actuacións programadas e, xa pola noite haberá polavila, con actuacións abertas e improvisadas dos asistentes, e baile nocturno.

A Festa da Pandeira de Piornedo nasceu en 2006 e celébrase dende entón todos os anos no terceiro sábado de agosto. Congrega tocadoras deste instrumento das comarcas próximas á serra de Ancares (provincias de Lugo, Asturias e León) e serve tamén para reunir outros músicos de procedencias ben diversas. Cada edición adícase a unha tocadora de pandeira das que participan neste encontro. Este ano a Festa da Pandeira homenaxea a Cecilia do Coro. Esta muller, nada en Piornedo en 1937 foi unha das tocadoras das polavilas. Cecilia naceu na casa de Marqués e criouse na casa do Coro, aínda que hoxe viven en Ponferrada.

A pandeira, un instrumento feminino

A pandeira é un instrumento musical propiamente feminino que fixo florecer na serra dos Ancares unha cultura musical rica, enraizada e participativa pero cun marcado carácter doméstico. As mulleres eran as encargadas de amenizar os bailes e as polavilas todas as noites, sobre todo no inverno, cando había máis tempo libre. O habitual era que en cada pobo as mozas tiveran unha pandeira, que facían entre todas ou pagaban a escote. Íanse relevando para tocala e a maior parte delas cantaban. A pandeira gardábaa a moza solteira máis vella e, cando casaba, pasáballa á seguinte. Sería ese aspecto cotiá ou por ser cousa de mulleres que non era un instrumento de prestixio como acontecía coa gaita, que se pagaba para as festas do pobo e para as vodas. Debido á esa modestia do instrumento, estivo a piques de se perder.

‘Parentes’ da pandeira en distintos lugares do planeta

A tradición musical de moitos países, tanto atánticos como mediterráneos, dende tempos remotos, inclúe instrumentos de percusión estreitamente emparentados coa pandeira, como as que protagonizan as festas no Magreb ou os bodrans irlandeses, moi popularizados através da música celta.

No traballo Os instrumentos musicais na tradición galega as pandeiras defínense como “pandeiros redondos (duns 40-50 cm de diámetro e 8-12 cm de alto) que levan algunhas ferreñas inseridas no marco (…) consérvase aínda o uso destes instrumentos, intimamente ligado ao canto, sobre todo feminino, aínda que tamén os homes as empregaban“.Nas zonas de montaña do oriente galego este vello instrumento nunca foi substituído pola pandeireta e conserva a día de hoxe toda a súa vixencia. Atopámola nas comarcas de Ibias, Ancares e o Bierzo, cunha grande variedade de toques que van mudando por zonas e mesmo dependendo da tocadora.

Piornedo, na parroquia de Donís (concello de Cervantes) é un dos puntos chave da serra que une as provincias de Lugo e León a cal dá nome á comarca de Ancares. Na Festa da Pandeira de Piornedo é posible coñecer este instrumento, os diversos xeitos de tocala e as cántigas que acompaña nas mans e nas voces das mellores tocadoras en activo.
Programa

Sábado, 23 de Agosto de 2014, en Piornedo, Cervantes (comarca dos Ancares).

    13:00 horas: Chegada das participantes. Interpretación de pezas nas rúas e nas cantinas.
    14:00 horas: Xantar de homenaxe ás tocadoras, no local da A.C. O Teixeiro (con invitación).
    17:00 horas: Actuacións das tocadoras e colaboracións musicais, no Quintairo das Ovellas.
    20:00 horas: Actuacións improvisadas (ábrese o palco a calquera que queira tocar).
    22:00 horas: Baile, no local da A.C. O Teixeiro (podes bailar e tocar os teus instrumentos!).
    E despois… Chocolatada!

Cultura