Papel, pipí e ‘popó’

Papel, pipí e ‘popó’
15 de Agosto, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Oleiros

O lixo mariño está a xerar unhas cantidades intolerables de residuos para o noso planeta. “As consecuencias deste problema son enormes tanto para poboación do mar como da terra”, afirma Laura Calvo, educadora medioambiental do CEIDA. “Nós dicimos que polo váter só se deben tirar tres cousas que empezan por ‘p’”.

Cabichas, envases de alimentos ou elementos relacionados coa pesca son algúns dos milleiros de residuos que acaban no mar e que ameazan de xeito moi intenso aos ecosistemas terrestres e mariños, ademais da saúde humana. A meirande parte dese lixo está a provocar problemáticas ambientais moi graves que resulta necesario mitigar e reverter. “As nosas aves xa están dixerindo e introducindo plásticos no seu organismo que, por sorte, algún deles conseguiron expulsar polas mostras que nós atopamos en boliñas que deberían ter patas de cangrexo e tiñan plásticos. Tamén hai moito lixo que chega polo váter. Aínda a día de hoxe seguimos tirando polo inodoro cousas que non debemos e que rematan no mar. Nós dicimos que polo váter só se tiran tres cousas que empezan por p: papel, pipí e ‘popó’. Todo o que non sexa iso non debería tirarse polo váter”, explica Laura Calvo, educadora do Programa de Educación, Capacitación, Divulgación e Participación Ambiental para unha transición ecolóxica desenvolvido polo CEIDA. Estamos ante un momento de crise ambiental sen precedentes, na que a emerxencia climática, cada vez máis visible a través de eventos meteorolóxicos extremos, o acelerado ritmo de perda da biodiversidade a nivel mundial e a contaminación mariña son fenómenos que non podemos obviar. “Xa ninguén pode dicir que non existe. Vese por todas partes”, conclúe Laura Calvo dende o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.

 

Na imaxe, Laura Calvo (Educadora Medioambiental do CEIDA) e Susana Falcón (Radiofusión)

Sociedade

Publica o teu comentario agora