París de Noia e Panorama donan beneficios

París de Noia e Panorama donan beneficios

04 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As orquestras Panorama e París de Noia, que o vindeiro día once ofrecerán un concerto benéfico nas Festas de Nadal de Ferrol, destinarán os beneficios do mesmo á Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Psíquicos (AFAES Portanova), entidade que tamén recibirá o 7% da ganancia do III Nadal Solidario que se celebrará no Cantón de Molíns do 19 de decembro ao 5 de xaneiro.

París de Noia e Panorama arrancarán o programa festivo deseñado polo concello de Ferrol baixo o lema “Feliz e Máxico Nadal 2010. A actuación das orquestras forma parte do I Concerto Nadal Solidario que nace este ano con  vocación de continuidad.

A este respecto, a concelleira Beatriz Sestayo, explicou que posto que a entrada será  gratuíta -o concerto celebraráse o 11 de decembro ás 21.00 horas na praza de Amboaxe, que conta cun aforo aproximado de 12.000 persoas e terá unha duración de cinco horas e media- a organización tentará acadar o apoio popular a través da venda de 2.500 postais solidarias de Nadal ao prezo de 2 euros. Estas empezarán a venderse na Oficina de Voluntariado do Edificio Social, sito na rúa Sánchez Barcáiztegui, e nos comercios a partir de hoxe grazas á colaboración de diversas asociacións de comerciantes, veciños e hosteleiros da cidade que aportarán deste xeito o seu grao de area a esta causa. Sestayo animou á cidadanía a participar neste evento musical con dúas das orquestras de maior prestixio que consiguen cheos históricos alí onde instalan o seu escenario.

A orquestra Panorama traerá a Ferrol o seu último espectáculo “El gran musical” e Paris de Noia despregará un espectáculo á vangarda das últimas tecnoloxías de son e iluminación. Previamente ao concerto da noite as dúas orquestras darán unha pequena actuación no mercado municipal da Magdalena.

O día 15 de decembro abrirá as súas portas o  III Nadal Solidario no Cantón de Molíns, ás 18.30, cunha chocolatada gratuíta de Comercio Xusto. Tal e como avanzou a concelleira de Benestar Social, por terceiro ano consecutivo a Área de Solidariedade, Cooperación e Voluntariado do Concello de Ferrol achegará á poboación ferrolá unha alternativa na que poder practicar un consumo consciente e responsable nas datas de Nadal. Neste espazo, que permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro -pechará o día 25 e o 1 de xaneiro- en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00, poderase mercar artesanía local, produtos ecolóxicos e de comercio xusto. Estes últimos, tal e como subliñou Sestayo, son unha alternativa ao comercio convencional que lles permite aos produtores do Sur un acceso directo aos mercados no Norte, establecéndose entre eles unhas relacións comerciais nas que cobran vital importancia os criterios sociais e medioambientais.
 
Un ano máis, contarase tamén coa cooperativa de consumo responsable “A Xoaniña”, que promove a agricultura ecolóxica local e canles comerciais xustas que a fan viable tratando de evitar intermediarios, de xeito que os produtores reciben un pago xusto polo seu traballo e os consumidores poden adquirir alimentos de calidade a prezos razoables. O Nadal Solidario contará tamén coa Asociación de Artesáns e Artesás Artefeiro Caseiro, integrada por artesáns da comarca e doutros puntos de Galicia. Todos eles exporán a variedade de produtos confeccionados moitos deles de maneira tradicional. A este respeto, a edil Beatriz Sestayo avanzou que se celebrarán un total de 16 obradoiros -un en cada xornada- de elaboración de candeas e licores, xoiería, pintado de lousa, corte e ensamblado de peluches, traballo en coiro, dobrado e soldadura de cravos de ferrar, broches de feltro, repuxado en coiro, bonecas de trapo, marionetas de dedo en gancho, pintura en directo ou pirogravado en madeira, entre outros. Empezarán o 19 de decembro e desenvolveranse ata o 5 de xaneiro.

A concelleira Beatriz Sestayo, anunciou tamén a celebración do Trofeo Xeracións de Futbol Veterán que, organizado polo Padroado de Deportes, se disputará os días 19 e 20 de decembro entre xogadores de equipos como o Real Madrid, Barcelona, Celta de Vigo e Deportivo de A Coruña. Os encontros disputaránse nos campos da Gándara e a final no estadio de A Malata.

A estas dúas actividades súmanse outras xa tradicionais como son os campamentos urbanos CUFO. Se desenrolarán do 19 de decembro ao 5 de xaneiro no Cantón de Molíns, en horario de 17.30 a 20.30. As actividades estarán dirixidas a nenos e nenas de 3 a 12 anos e incluirán obradoiros de manualidades, xogos infantís, expresión plástica, teatro ou creación audiovisual. Así mesmo, e xa pensando nos maiores, o Centro de Maiores de Caixa Galicia acollerá o obradoiro “O vídeo da túa vida”, que permitirá aos seus participantes elaborar os seus vídeos con imaxes e recordos, formándose deste xeito no manexo das novas tecnoloxías. Xunto a estas actividades desenvolveráse o novo programa posto en marcha para os meses de decembro e xaneiro pola Concellería de Cultura que dirixe a edil Mercedes Carbajales A familia? Ben grazas.

Espectáculos de animación a pé de rúa terán lugar a diario a partires do día 20. O primeiro deles será o de Melandrainas que ofrecerá o espectáculo teatral “A árbore rebelde”. Continuarán o día 21 Dínamo con “Xa veñen os gordos”, o 22 Pasarrúas circenses, o 23 a actuación musical da innovadora banda The Turre´s Band, o 27 un pasarrúas literario musical, o 28 un pasarrúas de jazz e o pasarrúas de Circusfusión de fin de ano e un espectáculo de luz e son onde as cometas son as protagonistas, representado por A-Ta-Ka

No calendario festivo non podería faltar a tradicional Cabalgata de Papá Noel, que sairá ás 18.00 horas do Inferniño o xoves, 24 de decembro, ou o Festival de Panxoliñas que se celebrará no teatro Jofre o 3 de xaneiro, a partir das 19.00 horas coa participación das rondallas de Ferrol. Para o día seguinte (4 de xaneiro) está prevista a Cabalgata de Reis na zona rural, ás 16.00 horas e ás 19.00 será o Pregón dos Reis Magos. A Cabalgata de Melchor, Gaspar e Baltasar partirá da rúa Venezuela o 5 de xaneiro ás 18.30 horas e o día 7, a partir das 17.00 horas, e coincidindo coa festividade de San Xiao, haberá a Merenda de Baile cos nosos maiores, na Sociedade Galicia de Caranza, e a tradicional degustación de arroz con leite, amenizada por unha actuación musical. Será ás 18.30 horas.

Ademais, dende hoxe e ata o 10 de xaneiro o Cantón acollerá atraccións infantís e un ano máis, o día 23 e o 4 de xaneiro os máis pequenos poderán poderán divertirse cunha viaxe de balde na “Hora feliz”, entre as 17.00 e as 18.00. Por outra banda, o vindeiro mércores, 9 de decembro, o carteiro real percorrerá os colexios e asociacións de veciños da cidade para recoller as cartas que os nenos e nenas escribiron aos Reis Magos. Farano ata o 29 de decembro. Tamén a diario Papá Noel, elfos e fadas acompañarán ao carteiro real repartindo caramelos polas rúas da cidade e recollendo as cartas dos máis pequenos. 

Sociedade