Para que les?

Para que les?

31 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Segrel do Penedo, a biblioteca escolar do IES de Fene, súmase a unha iniciativa da ONG “Implicad@s no desenvolvemento” para conmemorar o Día do Libro. A actividade vai dirixida a todos os usuarios e amigos das bibliotecas escolares galegas, aos que se convida a respostar á seguinte pregunta: “Para que les?”.

Leo “para aledarme coñecendo historias, personaxes…outros puntos de vista. Para viaxar no tempo e no espazo. Para aprender, sentir e cativarme co xogo das palabras”. “Leo para ver e escoitar, para sentir e coñecer, para saber e ensinar, para vivir e deixar vivir. Leo para ser libre”. Son algunhas das respostas que foron chegando nos últimos días á web da ONG “Implicad@s no desenvolvemento”, impulsora deste proxecto ao que agora se veñen de sumar máis dun cento de colexios e institutos de Galicia. Un deles é o IES de Fene.

Segundo informa a responsable da biblioteca O Segrel do Penedo, Loly Lago, o que se pretende é que o vindeiro 23 de abril, Día do Libro, as paredes do instituto se enchan de comentarios sobre os motivos que levan á xente a ler. Razóns que, “seguro, serán tan dispares como a propia xente que participe nesta fermosa iniciativa”.

As persoas que queiran participar na actividade deben respostar á pregunta : “Para que les?”, empregando non máis de 140 caracteres. Os comentarios débense remitir ao enderezo electrónico osegreldopenedo@gmail.com.

Sociedade