Parabéns institucional aos equipos deportivos de Ordes que ascenderon de categoría

Parabéns institucional aos equipos deportivos de Ordes que ascenderon de categoría

22 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, recibíu onte pola tarde na Casa do Concello a xogadores, corpos técnicos e directivas de tres equipos do municipio que conseguiron esta tempada o ascenso a categorías superiores en diferentes disciplinas: o equipo sénior da A.C. Órdenes de hockey, o equipo de xuvenís da S.D. Órdenes e os compoñentes do clube Vila de Ordes.

Os equipos recibiron a felicitación do alcalde e concelleiros do goberno local polos logros conseguidos durante esta tempada. Unha campaña na que os xogadores sénior da A.C. Órdenes conseguiron o ascenso á 1ª División Nacional de hockey; os xuvenís da S.D. Órdenes conseguiron o ascenso á Liga Galega Xuvenil; e o equipo do Vila de Ordes logrou o ascenso a 2ª Autonómica.

O alcalde, Manuel Regos, no acto celebrado no salón de plenos do Concello, quixo felicitar a estes equipos, que asegurou, están levando o nome de Ordes ata o máis alto a nivel deportivo, dando mostra unha vez máis do gran potencial dos deportistas e clubes ordenses, tanto dende a base como en categorías superiores.

Ademais de alabar o esforzo dos xogadores e corpo técnico, o primeiro edil tivo tamén unhas palabras de recoñecemento para as directivas destes equipos que co seu traballo están conseguindo facer do deporte en Ordes todo un referente, ademais de facer un gran traballo dende a base, e a quen lles ofreceu todo o apoio do Concello. Regos mostrou a súa satisfacción polos logros destes clubes que asegurou, servirán ademais para levar o nome do municipio por alí por onde pasen.

Deportes