Pasado e presente na celebración do Día de Narón

Pasado e presente na celebración do Día de Narón

23 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Narón conmemorou a festividade local do municipio cun acto de homenaxe ós integrantes da primeira corporación democrática, constituída no ano 1979 sendo alcalde Antonio Martínez Aneiros.

O actual Alcalde de Narón, Jose Manuel Blanco, presidíu o acto no que se descubríu  unha praca cos nomes dos membros desa corporación, formada por 18 homes e 3 mulleres en representación de seis partidos políticos. Os portavoces de cada un deles tomaron a palabra para reivindicar o espírito colectivo e a identidade que se ten consolidado ó longo das últimas décadas neste municipio. Precisamente nese sentido foron as verbas do alcalde, Jose Manuel Blanco, quen calificou coma unha honra celebrar este acto en lembranza da primeira corporación democrática constituída en Narón o 19 de Abril de 1979.

“Quero facer un recoñecemento público expreso a aqueles concelleiros e concelleiras que fixeron posible o que hoxe é Narón”, declarou o rexedor apuntando que pasados trinta anos, esta cidade mantén a súa ilusión por medrar e converterse nun referente para toda Galicia, “Nos non quixemos deixar nada fora senón construir sobre o que xa estaba feito”, recalcou Blanco.

Mirando cara ó futuro, o Alcalde asegurou que “Narón ten que afrontar con firmeza os retos dunha nova sociedade, creando políticas positivas, eficaces e eficientes. Traballamos para difundir a participación cidadá, a creación de novos espacios verdes e de ocio, e para seguir sendo un concello moderno e de progreso”, indicou.

Antes da súa intervención, tomaron a palabra os portavoces da corporación demócratica de 1979, entre eles os ex alcaldes Antonio Martínez Aneiros e Xoán Gato –ambos pertencentes a Unidade Galega- os cales agradeceron ó Concello a convocatoria deste acto en homenaxe á democracia.

Sociedade