Paso firme na ampliación do polígono de Vilar do Colo

Paso firme na ampliación do polígono de Vilar do Colo

25 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Iván Puentes e José Blanco asinaron o acordo para executar a maior ampliación da historia do polígono de Fene. Unha vez executada esta terceira fase Vilar do Colo será, logo de Río do Pozo, a maior superficie industrial de Ferrolterra e unha das principais de Galicia, segundo fontes municipais.

O protocolo de colaboración entre Fomento e os concellos de Fene e Cabanas contempla unha ampliación de chan industrial que ronda os 700.000 m2. o que supón na práctica case duplicar a actual superficie de Vilar do Colo, que conta a día de hoxe con 800.000 m2. 

Esta ampliación repártese en dúas zonas, unha de 500.000 m2. situada entre Laraxe e Limodre, que comparten Fene e Cabanas e outra duns 200.000 metros nas inmediacións da vía rápida de Mugardos, ubicada íntegramente en Fene.  

Iván Puentes destaca que a ampliación de Vilar do Colo “é nestes momentos a mellor noticia que o Concello e o Goberno de España lle poden dar aos veciños e veciñas de Fene, porque significa crear máis emprego, máis riqueza e en definitiva máis futuro para o noso pobo”. 

Unha vez realizados estes traballos da III Fase, Vilar do Colo contaría con 1.500.000 m2. de superficie industrial o que situará a este polígono entre as principais plataformas industrais de Galicia, ademais de converterse no segundo máis grande de Ferrolterra logo de Río do Pozo. 

O primeiro paso será a realización por parte de SEPES ao longo dos vindeiros 12 meses dun estudio arqueolóxico e un estudo medioambiental que avalen a viabilidade técnica da obra en cada zona afectada. 

En paralelo, os concellos de Fene e Cabanas colaborarán coa SEPES para lograr pola vía da negociación cos actuais propietarios e propietarias a compra dos terreos precisos para a execución desta gran ampliación do parque empresarial. Ademais Fene e Cabanas irán concretando, como xa o están a facer, coa Xunta de Galicia as modificacións precisas do PXOM de ambos concellos para albergar este chan industrial.

Institucional