Pasou un ano desde a moción de censura

Pasou un ano desde a moción de censura
12 de Febreiro, 2021 - 12:13 h. | Publicada por Radio Fene

Gumersindo Galego fai balance do ano que se acaba de cumplir desde que o actual goberno presentara a moción de censura e o apartara da alcaldía. Un balance que o popular cualificouno de "pobre".

ESCOITA O PODCAST:

“Pobre” ese é o cualificativo que o ex-alcalde de Fene, Gumersindo Galego, fai do ano que cumpre o goberno de esquerdas formado polos grupos municipais de BNG, PSOE e EU. “Todo empeorou desde a moción de censura e a pandemia veu a xustificar toda a inacción” declarou Galego esta mañá no espazo As Foxas. O grupo municipal popular pon o acento na concellería de Obras de Servizos como, por outro lado, se pon en evidencia en cada pleno celebrado.

O representante do PP critica duramente que nun ano non se fixo nada máis que presentar tarde o POS de 2021. “ Aproveitaron o proxecto de reurbanización de San Valentín que deixou listo o PP e logo tres ou catro pequenas obras”. Para Galego, o reparto das obras ademais non é proporcional entre as parroquias. O que máis molesta ao representante popular é que a titular de obras, Mar Piñeiro, non conteste ás preguntas formuladas en pleno. “O regulamento impón por lei contestar ás preguntas, oral ou por escrito, no pleno”, afirma Galego, quen non descarta acudir ao Valedor do pobo ou ao xulgado.

Pero, o máis grave para os populares de Fene é o caso da que denominan “auto contratación” da concelleira responsable de Ensino e Deportes que comparecerá no próximo pleno a petición do PP. Afirma Galego que ten que explicar porqué aceptou unha praza nos obradoiros que imparte o concello de Fene. “Non é suficiente a resposta de que a chamou o Inem, porque hai causa xustificada para renunciar” declarou Galego.

Por último, o ex-alcalde criticou a atención que se presta desde a administración local á veciñanza. Debido á situación especial pola pandemia, Galego defende que está ben a cita previa pero tamén di que os concelleiros teñen a obriga de suplir a lentitude na atención veciñal e pon a mira especialmente en Urbanismo, Servizos Sociais e na propia alcaldía. “Nin están nin se lles espera” conclúe.

Institucional

Publica o teu comentario agora