A pataca galega progresa

A pataca galega progresa

21 de Decembro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O Consello Regulador Pataca de Galicia avanza nunha liña de productos envasados con pataca galega. O Hotel Xinzo acolleu unha xornada para dar conta dos avances no proxecto de desenvolvemento deste tipo de preparados que se iniciou no ano 2010. A xornada contou coa participación de  produtores, envasadores de pataca  así como técnicos relacionados co sector.

O Hotel Xinzo, de Xinzo de Limia-Ourense acolleu onte, xoves unha Xornada de divulgación do Proxecto de Desenvolvemento de Produtos Esterilizados, Pasteurizados e pratos preparados (V gama) a partir de pataca con IXP Pataca de Galicia, organizada polo Consello Regulador da I.X.P: Pataca de Galicia Protexida.  O obxectivo básico de dito proxecto, iniciado no ano 2010 é desenvolver unha gama de produtos que permitan usar a Pataca de Galicia como un ingrediente importante de produtos listos para o consumo, xa sexa soa, ou en combinación con outros produtos galegos de calidade.

O proxecto, dirixido polo Consello Regulador da IXP, baixo a dirección do secretario do Consello, Ricardo Losada Blanco, conta coa colaboración do grupo de Deseño de Produtos e Procesos para o Desenvolvemento Rural da Universidade de Compostela, dirixido polo profesor Enrique Arbones, que actuou como poñente na xornada de divulgación, e a empresa Droguería Agrícola S.A.

A xornada contou coa participación de  produtores, envasadores de pataca  así como técnicos relacionados co sector, que expuxeron os resultados acadados ata a data para a pataca pasteurizada e esterilizada en tarro. Tratáronse os estudos de mercado realizados con pequenos consumidores e consumidores colectivos e a análise da canle comercial. Describíronse os traballos de desenvolvemento de procesos realizados polo equipo da Universidade de Santiago na planta piloto da Escola Politécnica Superior de Lugo.

Neles optimizáronse os tempos e temperaturas dos tratamentos térmicos e función dos distintos formatos de producto e o líquido de goberno. Ademais dos métodos de elaboración mais axeitados explicouse o seguimento das propiedades dos produtos durante o almacenamento empregando análises físico-químicas, microbiolóxicas e sensoriais. Comentáronse ademais os resultados provisionais acadados para a crema de pataca e grelo.

Os resultados parciais do proxecto xa foran expostos na "International Conference of Agricultural Engineering" celebrada en Valencia en xullo de 2012, no traballo titulado "Project for development of Galician Potato products bearing Protected Geographical Indication as an Example of an Action for Rural Development".

Sociedade