Pechar o círculo

Pechar o círculo
19 de Maio, 2020 - 11:54 h. | Publicada por Radio Fene

Evitar os envases de plástico e consumir productos de droguería máis naturais e ecolóxicos. Iso pretende a droguería a granel 4Eco Narón. Abre este mércores diante do Pazo da Cultura.

ESCOITA O PODCAST:

As nosas avoas e as nosas nais mercaban a granel. Levaban a bolsa da casa e mercaban por quilo, como referencia, calquera cousa.  A conciencia ecolóxica vai medrando e hai quen se propón volver a aqueles hábitos que reducen os residuos e ofrecen produtos máis naturais. É o caso da tenda 4Eco de Narón que abrirá as súas portas este mércores 20 de maio, na rúa Rafael Bárez,28 baixo en fronte do Pazo da Cultura.  A tenda ía abrir no mes de marzo, antes da crise sanitaria, pero tivo que agardar, así que Margarita Rodríguez,  está ansiosa na véspera da apertura desta idea que agora é unha realidade.

A idea era reducir ou eliminar os plásticos dos envases, e vender produtos menos contaminantes. En 4Eco atoparemos todo tipo de produtos lóxicos dunha droguería; deterxentes para a limpeza do fogar e para empresas. Suavizantes, limpador de vitrocerámica, de lavalouzas e lavadora e produtos de hixiene persoal, como xampú, xabrón, pasta de dentes, escova de dentes de madeira… Todo a granel. Uns depósitos de cristal con billa incorporada conteñen estes produtos que chegan da fábrica en bidóns que retornan á fábrica para encherse de novo.

“Os prezos son moi competitivos porque evitamos o custo da embalaxe e os produtos son tan concentrados que podemos usar menos cantidade que nos convencionais”. É recomendable que o cliente leve os recipientes da casa. Ata que se habitúe, 4Eco disporá de envases para tal fin, mesmo a veciñanza pode colaborar depositando nunha caixa, disposta na entrada do local, os botes baleiros que teña. O local onde se ubica 4Eco Narón é amplo, con andeis cheos de vidros con billas e no exterior hai bo aparcamento. Sorte a Marga Rodríguez que fai fronte ela soa ao negocio contemplando tamén o servizo a domicilio.

Sociedade

Publica o teu comentario agora