Pechei a porta e ata hoxe

Pechei a porta e ata hoxe
24 de Abril, 2020 - 12:26 h. | Publicada por Radio Fene

O 13 de marzo a hostelería botou o peche aos seus negocios, de súpeto, sen ter tempo a mentalizarse. E aínda non poden decir cando abrirán. Falamos con Carlos Varela do restaurante O Muíño do vento, de Magalofes (Fene)

ESCOITA O PODCAST:

O venres 13 de marzo ás 12 da noite, Carlos Varela pechou a porta do restaurante Muíño do Vento, en Magalofes. E ata hoxe. “Non se me esquece, rememora Carlos, ese día fixen a compra, traballamos normalmente ao mediodía e á noite recibimos a chamada da asociación de hostelería para que pechasemos ás doce da noite”. Lembra Carlos Varela que aquela noite tiñan poucas ceas. A xente pedira as súas famosas ameixas á pracha pero ese día tamén serviron angulas. “Nunca pensamos que sería para tanto tempo” declara Carlos, para quen abrir en xuño sería maravilloso. Hai que pensar que desde o 13 de marzo tiveron que anular un montón de reservas para o Día do Pai, a Semana Santa,  para maio que "é un mes no que se traballa con alegría” en palabras de Varela. Aínda teñen reservas que non se anularon para o mes de xuño e por suposto os meses de xullo e agosto son os máis fortes.

Aínda coas dúbidas de cando e en qué condicións se vai abrir, o Muiño do vento quere estar preparado porque teñen dous comedores pequeños (50 comensais en total) e supoñen que haberá que separar  as mesas e os comensais entre eles. Seguramente haberá que poñer mamparas, pero a verdade é que esperan que o goberno lles diga a normativa para estar preparados.  Pensan en Magalofes explotar a terraza que teñen durante o verán para compensar as prazas que se perdan no interior. Outra alternativa que barallan no Muíño do vento de Fene é desdobrar as comidas en dous turnos, un ás 13,30h e outro a partir das 14,30h. Son ideas que queren poñer en práctica canto antes.

A xente da hostelería está afeita a traballar moitas horas e este freazo supón para eles un cambio moi grande, segundo recoñece Carlos Varela, a quen na casa non se lle dan pasado as horas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora