Pensar en positivo e pasarlle por riba ás dificultades

Grandes voces do noso mundo
11 de Setembro, 2018 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

"É probable que haxa dificultades, pero é importante pensar en positivo e pasarlle por riba” afirma Marco Pereira, que ven de comezar os estudos do grao de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. “Eu vivo a radio, góstame moito e querería traballar nunha radio grande ou pequena”. Pereira é invidente e fillo de inmigrantes, polo que a súa traxectoria educativa é un exemplo de integración.

ESCOITA O PODCAST:

Dirixe e presenta o programa de Radio Burela, “Grandes Voces do Noso Mundo”  dedicado á música na nosa lingua arredor do mundo. Marco conta coa colaboración de Silvera Vicente de Oliveira de Burela, Edilson Sanches de Cabo Verde e Gabriel André, galego emigrado en Lisboa. Impulsou a iniciativa o profesor do IES Perdouro de Burela Bernardo Penabade. “A radio é unha ferramenta básica para a educación na lingua, literatura e comunicación, oportunidade para poñer en práctica os contidos e as habilidades que queremos transmitir ao alumnado” afirma Penabade. O programa agora chega ao Brasil a través da Radio Internacional Lusófona. Inclúe músicas de antonte, onte, hoxe e mañá.

Cultura