Pesar pola morte de Ramiro Recouso

Pesar pola morte de Ramiro Recouso

29 de Outubro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O histórico dirixente do BNG de Ordes Ramiro Recouso faleceu nesta xornada vítima dun cancro. A noticia causou un fondo pesar na vila onde era moi coñecido tras encabezar a formación nacionalista desde hai vinte anos. Contaba con 47 anos de edade.

O Concello de Ordes quere manifestar publicamente a súa consternación ante o pasamento do voceiro do BNG Ramiro Recouso Liste, falecido no día de hoxe. Lamentamos a perda do que é un dos referentes políticos locais máis importantes dos últimos anos, o cal sobresaíu pola defensa dos seus ideais e principios dun xeito íntegro, sincero e democrático. Todo o noso apoio e ánimo aos familiares, amigos, achegados, así como a membros, militantes e simpatizantes do BNG neste duro momento.

     Coa ansia de recoñecerlle o mérito e a débeda que este municipio ten coa súa persoa e co labor desenvolvido en prol dos seus veciños e veciñas o Concello de Ordes declara dous días de loito oficial, que rematarán ás 24 horas de mañá, 30 de outubro. A dita decisión comporta tamén que as bandeiras ondeen a media hasta con crespón negro en todos os edificios municipais, e a suspensión de todos os actos públicos previstos.

Sociedade