Picaresca, tradición, humor, erotismo, no Festival Atlántica

Contos xaponeses, galegos, gregos, de todo o mundo, para nenos e maiores, susceptibles de ser escoitados
13 de Marzo, 2019 - 11:27 h. | Publicada por Radio Fene

O Festival Atlántica leva a Ferrol os narradores Yoshi Hioki, Pep Bruno, Maricuela e Quico Cadaval. Os artistas van ofrecer un total de seis espectáculos entre os días 14 e 16 de marzo grazas á colaboración coa Deputación da Coruña e co Concello de Ferrol. Haberá tres funcións para o público infantil e outras tres para adultos. Todas elas son gratuítas.

O Festival Atlántica recunca este ano en Ferrol con media ducia de funcións gratuítas grazas á colaboración da Deputación da Coruña e do Concello da vila. Os narradores Yoshi Hioki, Pep Bruno, Maricuela e Quico Cadaval van encher a cidade de historias para nenos e maiores entre os días 14 e 16 de marzo.

As actividades comezan o xoves 14 de marzo con dúas funcións protagonizadas polo xaponés Yoshi Hioki. Este programa dobre arrincará ás 18 horas con ‘Contos tradicionais do Xapón’ na Biblioteca Municipal. As tramas destas historias, dirixidas a nenos entre 3 e 8 anos, inclúen campesiños dos arrozais e nobres da corte imperial, animais e monstros, dragóns e bolboretas, mesturando sempre a poesía e a picaresca. Un pouco máis tarde, ás 20.30 horas, Hioki recuncará con novas historias do afastado oriente, pero desta volta dirixidas ao público adulto. A cita será no Centro Cultural Torrente Ballester, onde os maiores gozarán da habilidade do artista xaponés para ‘pintar’ as historias e os costumes do seu país con humor e sensibilidade.

O venres, 15 de marzo, será Pep Bruno quen desenvolva un novo programa dobre. A xornada comezará ás 18 horas cunha actuación para os pequechos na Biblioteca Municipal. Trátase de ‘Na miña mochila traio contos’, un espectáculo dirixido a nenos entre 3 e 8 anos que é un convite para acompañalo polas historias que foi recollendo nas súas viaxes arredor do mundo. Xa á tardiña, ás 20:30 horas, Bruno ofrecerá unha sesión de ‘Vellos contos de novo’ para público adulto no Centro Cultural Torrente Ballester. Será a quenda logo de historias de picaresca, tradición, humor e erotismo… Contos procedentes da tradición pero tamén de coleccións clásicas como O Decamerón, O asno de ouro, as fabliaux ou as fábulas de Esopo e Samaniego.

O sábado, Maricuela chegará disposta a arrincar a gargallada con ‘Historias de risa sen présa’. O espectáculo, concibido para nenos entre 3 e 8 anos, vai ser no Centro Cultural Torrente Ballester, a partir das 12 horas. Nesta función Maricuela vai ser quen de probar que hai un conto para cada momento e para logralo vaise valer de palabras, obxectos, monicreques, poemas, libros, cantos e contos.

O sábado pola noite, a partir das 21 horas, o programa de actividades do Festival Atlántica en Ferrol terá un peche de ouro coa actuación de Quico Cadaval no Auditorio. O mestre da narración oral galega vai levar á escena ‘Os inocentes’, un tríptico con tres protagonistas, Manuel, Marquiños e Pastor, que fan honra a todos os alcumes, humillantes ou compasivos que se lles colocou a estas personaxes: almiñas, mansos, á boa de deus, que lles falta un fervor, que están mais aló ca acó... Personaxes que dende a súa singularidade mental, ou filosófica, ofrecen lecturas iluminadoras sobre a gran creación dos xuizosos e intelixentes: a guerra. Un espectáculo épico, en todos os sentidos da palabra.

Narradores para todos os gustos

Pep Bruno, barcelonés afincado en Guadalaxara, é licenciado en Filoloxía Hispánica, Teoría da Literatura Comparada e diplomado en Traballo Social. Comezou a contar contos en 1994 e desde aquela xa percorreu numerosos festivais de todo o mundo compartindo historias para nenos e adultos. Compaxina a súa actividade como narrador coa súa faceta de blogueiro e coa impartición de cursos, conferencias e obradoiros literarios e de creación. Tamén organiza actividades de animación á lectura, escribe artigos de reflexión en revistas especializadas e colabora decote cos medios de comunicación. No ano 2010, coa obra ‘La familia C’, ganou o III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado outorgado pola Editorial Kalandraka en colaboración co Concello de Santiago. Os seus libros están traducidos a máis de dez linguas. ( Na foto)

Yoshi Hioki trasladouse no 1991 desde a súa Osaka natal ata Barcelona para estudar pintura. Alí entrou en contacto coa narración oral e comezou a súa carreira profesional como contador. Desde aquela, xa pasou por festivais de todo o mundo e segue a desenvolver actividades que mesturan as súas dúas paixóns: a pintura e a narración.

Maricuela é o nome artístico de María Molina García, unha licenciada en Belas Artes e diplomada en Xornalismo que desde o ano 1992 traballa profesionalmente no eido do clown, o teatro corporal e a narración oral. Ademais, tamén imparte obradoiros de teatro e clown e de narración, escribe en revistas especializadas sobre literatura e narración e ten publicados varios álbums infantís.

Quico Cadaval é actor, director e adaptador teatral, amais dun dos narradores galegos máis coñecidos. Foi impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa e é un habitual dos festivais de narración oral nacionais e internacionais.

Cultura

Publica o teu comentario agora