Piden á fiscalía anticorrupción que actúe no caso de Novacaixagalicia

Piden á fiscalía anticorrupción que actúe no caso de Novacaixagalicia

05 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

“É un mal momento para vender Novacaixagalicia” afirma o representante da CIG Banca Clodomiro Montero. O sindicato nacionalista reclama que, ao igual que se fixo con Loterías del Estado, se paralice o seu proceso de privatización á luz do escándalo das prexubilacións millonarias da cúpula directiva da entidade.

A CIG demanda a actuación da fiscalía anticorrupción “para investigar a mala xestión da entidade, as blindaxes dos contratos directivos e o pacto entre o Banco de España e os inversores para malvender a caixa”. A central sindical denuncia a irregularidade que se desprende da valoración do Banco de España en 188 millóns de euros, “o 6% do seu valor en libros, que é o que ten que axustarse á realidade”. A CIG tamén denuncia os salarios millonarios dos directivos da caixa que “pasaron de cobrar 300.000 euros no 2005 a caseque 1 millón no 2009”. Clodomiro Montero afirma que “as prexubilacións de ouro acordáronse nun Consello de Administración o 28 de outubro de 2010, segundo se reflexa en acta, con ampla información ao Banco de España e á Xunta de Galicia”.

Seguen cobrando

Os ex directivos de Nova Caixa Galicia seguen cobrando por representar á caixa en empresas. Segundo denuncia hoxe o xornal El Pais, “pese a ter deixado de traballar, tras ingresar prexubilacións de ouro, seguen cobrando por representar á entidade en consellos de administración doutras empresas”. Por exemplo, José Luís Méndez, ocupa a vicepresidencia de Tecnocom, por mandato da corporación de Caixa Galicia. Esta firma pagou caseque un millón de euros no 2010 a Méndez e a outros 9 accionistas. PSOE e BNG piden a devolución das prexubilacións millonarias.

Sociedade