Pilota o teu Dron

Escola de pilotos de Drons no concello de Fene
26 de Xuño, 2019 - 08:01 h. | Publicada por Radio Fene

Arranca a Escola de Pilotos de Drons para moz@s de entre 14 e 30 anos que promove o Concello de Fene. O proxecto conta co respaldo da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta e a Universidade da Coruña que participará do mesmo cunha charla en torno aos traballos de futuro e as carreiras vencelladas con maior demanda.

DRONSFENE

Un total de 25 mozos e mozas de entre 14 e 30 anos participan dende onte na Escola de Pilotos de Drons que organiza o Concello de Fene. Un proxecto divulgativo e formativo en torno ao uso dos drons e a súas aplicacións. Conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. A través del, potenciarase o coñecemento e autoaprendizaxe en torno ao mundo dos drons, unha disciplina tecnolóxica que incentivará aos mozos e mozas a súa curiosidade por desenvolver unha carreira de futuro neste eido tan demandado. Por iso, a Universidade da Coruña tamén participará nos obradoiros cunha charla en torno aos traballos do futuro e as carreiras que máis demanda terán.

Durante tres semanas, as persoas participantes aprenderán sobre reparación, montaxe, aplicacións civís dos drons, drons terrestres... e como non, a pilotar estas aeronaves. Para iso, cada participante disporá dun dron co que practicar no seu tempo libre unha vez adquiridas as nocións básicas de voo. Deste xeito progresará máis rápido e na fase final da formación aprenderá a pilotar drons deportivos e acrobáticos.

Durante a formación, tamén aprenderán a montar unha cámara e un transmisor de vídeo no seu dron, para poder pilotalo en primeira persoa. Finalmente os/as participantes quedarán co seu dron personalizado e realizarán unha demostración aberta ao público nun circuito de carreiras, onde deberán demostrar as  habilidades aprendidas durante o curso. Será o sábado 13 de xullo pola mañá no Pavillón da Xunqueira.

Institucional

Publica o teu comentario agora