Pioneiras sobre o tapiz

Pioneiras sobre o tapiz
02 de Novembro, 2020 - 12:43 h. | Publicada por Radio Fene

A ximnasia rítmica do Club Esquío Ferrol é envexable. Non só pola disciplina ou por seren pioneiras neste deporte senón por ensinar aos nenos a namorarse do tapiz.

ESCOITA O PODCAST:
Irina Boudarina

A ximnasia rítmica fixo disciplina olímpica en 1981, antes diso xa había quen a practicara pero dende esta data o crecemento dos clubs foi masivo. Iriña Boudarina chegou a Ferrol en 1996 e dende aquela é unha das adestradoras do Club Esquío Ferrol, que leva activo dende 1984.

Ela non ten dúbidas, o mellor da ximnasia rítmica e que “namora”. Explica, con paixón nas verbas, que é un deporte que engancha e que por moi cansado que saias do tapiz, sempre queres regresar. É o que a experiencia propia, pero tamén como adestradora, lle di a esta rusa pero ferrolá de adopción.

Ten claro que no Club Esquío de Ferrol hai cabida para todas aquelas nenas que así o desexen, pero agora, tamén para os nenos. A Federación así o permite e Irina fala de que en Galicia somos “pioneiros nesta inclusión masculina na ximnasia”. No seu club non hai ningún pero os esperan cos brazos abertos.

A adestradora fala da disciplina e da concentración, das ganas, pero tamén do valor estético. Recorda que este deporte, ademais de ser esixente, está ligado á arte. A elección do traxe, a musica, a maquillaxe. A escenografía e case tan importante como o exercicio que se presenta na pista.

Un deporte igual de esixente que satisfactorio. A disciplina que namorou a Irina Boudarina de nena e que segue a ser a súa forma de vida. Voan mazas, cintas, aros ou pelotas e para todos os que forman o Club Esquío, no tapiz ou nas gradas, comeza a maxia. 

Deportes

Publica o teu comentario agora