A poesía é a única maneira de habitar o mundo

A poesía é a única maneira de habitar o mundo
30 de Abril, 2020 - 11:39 h. | Publicada por Radio Fene

A XIV Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol adíase para abril do 2021. A poesía é un antídoto contra calquer tipo de pandemia, afirma Carlos Valle, Karlotti.

ESCOITA O PODCAST:

Nos últimos trece anos, o mes de abril enche de poesía a cidade de Ferrol. Estaba prevista a XIV Semana da Poesía Salvaxe os dias 23, 24 e 25 deste mes que acaba hoxe, pero a crise sanitaria impediu que a poesía enchese as rúas e prazas de Ferrol este ano. Máis, como dí un dos seus organizadores, Carlos Valle -Karlotti-  “a poesía é un antídoto contra todo tipo de pandemias políticas pero tamén destas” . Tratarán de superar esta situación, afirma Karlotti, e celebrar a Semana da Poesía Salvaxe dentro dun ano no 2021 por todo o alto, “dun xeito grandioso”.

Carlos Valle amósase emocionado ao ver como a xente colgou nas redes sociais imaxes e recitais que resumen os 13 anos de vida do evento poético ferrolán. Emociónase Karlotti ao recordar que foron 160 os e as poetas que desfilaron pola Semana da Poesía Salvaxe. Lembra que empezaron cunha proposta modesta hai 13 anos. “Como non se lía poesía, decidimos que se escoitara traendo aos poetas ao mercado, ás prazas, para que a xente os sentira e se familiarizara con eles”, explica o alma mater desta singular iniciativa.

Reflexiona Carlos Valle sobre como na II República a poesía formaba parte da sociedade e da escola, “os nosos país e avós recitaban de memoria”  e como despois do franquismo a poesía volvía tomar o seu lugar. A propósito desta reflexión lémbranos Karlotti, a modo de flash, cando actuou Paco Ibañez no Teatro Xofre, a Manolo Bacallau e Eugenia Sanmartín compartindo escenario e a Manolo Rivas e o poeta portugués Nuno Judice o ano pasado no Auditorio municipal, como os grandes colofóns máis recentes da Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol. Conclúe Karlotti a conversa con nós, convencido de que “a poesía é a única maneira de traducir o silencio do mundo”.

(Imaxe recente de Carlos Valle)

Cultura

Publica o teu comentario agora