Pola beira da canción

A obra de Guadi Galego vista por Pepe Cunha
31 de Xullo, 2019 - 09:55 h. | Publicada por Radio Fene

O libro "Guadi Galego. Pola beira da canción" preséntase o domingo 4 de agosto ás 13 h. na Sala Áncora do Concello de Cedeira, dentro do marco do festival dos Discalzos.

Xa está nas librarías a publicación "Guadi Galego. Pola beira da canción". Desde a semana pasada o libro está xa en distribución nas librarías a un prezo de 16 €. O autor Pepe Cunha e a protagonista do libro participarán xuntos na presentación do libro o domingo en Cedeira, terra da artista que interpretará un par de cancións.

Pepe Cunha (Ferrol, 1972) comezou compartir a súa afección pola música en 1997, na emisora universitaria Radio Kaos. Desde entón, o seu proxecto en radio e na rede "Ábrete de orellas" seguiu a manifestarse tamén en colaboracións noutros medios (Diario de Ferrol. Rádio FilispiM, Xornal de Galicia, DeTroula, TX da Televisión de Galicia, Radiofusión ...) e foi recoñecido co Premio Martín Códax coma Mellor Espazo de Comunicación Musical en 2016 e 2018. Este é o seu primeiro libro que, como non, tiña que estar relacionado coa música.

Opinan sobre o libro:

Teresa Cuíñas, xornalista e prologuista do libro: "Este libro de Pepe Cunha documenta o ronsel de Guadi Galego e entréganos un referente necesario para vivirmos nun mundo mellor, igualitario e, polo tanto, xusto. Constitúe un dos relatos posibles dunha artista inqueda na procura de sensacións, enérxica na exploración das súas capacidades, xenerosa na ledicia, comprensiva coa dor, amante da beleza. E coas achegas dun coro de afectos e de admiración,Pola beira da canción recolle, con precisión de orfebre, o aire deste tempo desde un recanto fronte ao Atlántico de punta Candieira con vistas ao mundo enteiro. O norte é poema en si mesmo".

Carlos Crespo, xornalista e epiloguista do libro: "Porque a música de Guadi Galego é un canto á liberdade. Á individual e á colectiva. Unha chamada de atención fronte á imncoherencia que reina ao noso redor. Neste mundo no que a cultura xa non se entende como cultura. No que, cítoa textualmente, "todo se dilúe na diversión".

Cultura

Publica o teu comentario agora