Polo San Xoán, a sardiña pinga o pan

Polo San Xoán, a sardiña pinga o pan

23 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Como di o refrán, estamos na mellor época para o consumo da sardiña. Iso sí, o producto vai un pouco máis caro porque se rexistrou un importante descenso nas capturas con respecto ao ano pasado.

Aínda que podemos atopar no mercado sardiñas a distintos prezos, non teñan dúbida, a sardiña boa e de calidade vai cara este ano. Segundo explicou esta mañá en Radiofusión o responsable da peixería de Eurolíder, en Maniños, “o producto é máis caro porque hai menos ca outros anos”. Manolo Hermida vendeu este ano o kilo de sardiñas a 5,40 euros aínda que noutros establecementos “as raíñas do San Xoán” chegaron a marcar ate os 8 euros.

¿Cómo recoñecer a mellor sardiña?. Segundo Manolo Hermida, son varios os factores que debemos ter en conta. Por un lado, ten que “brillar” e manter esa cor prata tan característica. Pero ademais debe ter moita escama e non ter a cabeza vermella, o que podería indicar que o peixe xa non é moi fresco.

Faltan poucas horas para prender o lume. Poucas horas para que o cheiro do fume, mesturado co típico olor das sardiñas comece a espallarse pola comarca, o mesmo que na meirante parte das vilas e e cidades galegas onde se vive con especial intensidade a noite do 23 de xuño. De tódolos xeitos, pasado o San Xoán, teremos aínda moito tempo para comer sardiñas. A campaña prolongarase ate o mes de outubro.

Sociedade