A ponte do Pedrido achegou Ferrol e A Coruña

A ponte do Pedrido achegou Ferrol e A Coruña

20 de Abril, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A ponte do Pedrido inaugurouse o 16 de abril de 1943. A comunicación terrestre entre Paderne e Bergondo comezara a facerse realidade en 1939. Os enxeñeiros Eduardo Torroja e César Villalba proxectaron unha ponte de 520 metros de lonxitude e 7 metros de ancho. Divídese en tres treitos e continua a dar servizo á AC-164.

A ponte do Pedrido acurtou de xeito considerable a distancia da comunicación por terra entre Ferrol e A Coruña. Tamén marcou un cambio de vida nas xentes de Miño, Paderne, Bergondo e Sada ao achegar as citadas localidades.

O Pedrido foi tamén relevante polos avances técnicos empregados na súa construción. O uso de formigón armado supuxo un gran progreso no seu momento, xa que era a primeira vez que se empregaba este material para unha obra de semellantes dimensións en Galicia.

O elemento máis relevante da ponte é o seu impresionante arco central. Sobre o tramo intermedio de 75 metros proxéctase un arco tensado de formigón armado de 12,5 m de frecha con dúas articulacións e taboleiro inferior suspendido mediante péndulos espazados a 3,65 metros. 

Toda moeda ten un reverso, e tamén o Pedrido provocou o progresivo abandono da liña marítima entre Ferrol e A Coruña que fora moi utilizada ao longo do século dezanove e nos primeiros anos do século vinte.

 

 

 

 

Sociedade