As Pontes prepara as súas primeiras Olimpíadas dirixidas a escolares

As Pontes prepara as súas primeiras Olimpíadas dirixidas a escolares

20 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O departamento de Cultura e Deporte está a organizar as que serán as primeiras Olimpíadas Concello de As Pontes, coa que se pretende potenciar a práctica de diferentes disciplinas deportivas entre os escolares. Esta actividade irá dirixida a pequenos e pequenas de entre 4 e 18 anos que se poderán anotar nas diferentes probas que se desenvolverán dende o vindeiro luns.

Estas Olimpíadas locais inauguraranse o vindeiro luns, ás 16.00 horas, cunha xincana ciclista que se desenvolverá na pista descuberta do pavillón polideportivo da Fraga ou na pista cuberta do Poboado das Veigas, no caso de que a climatoloxía non acompañe.

Xa para o martes o calendario deportivo incluirá diferentes probas de atletismo que se celebrarán en horario de mañá e de tarde (10.30 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas) nas pistas do campo de fútbol do Poboado.

No tocante ao día 23 a xornada estará composta por un torneo de baloncesto na disciplina de 3 x 3 e que, ao igual que o día adicado ao atletismo, se desenvolverá en xornada tanto de mañá coma de tarde na pista do Lar de Endesa.

O xoves abrirase cun torneo de balonmán que se celebrará tamén na pista do Lar de Endesa en horario de 10.30 a 13.30; mentres que, pola tarde, está previsto que se desenvolvan no campo de fútbol do Poboado varias probas de tiro con arco en diferentes distancias.

Finalmente, o día 26 incluirá un torneo de tenis nas pistas da Canle IV para pechar a xornada con piragüismo e rugby na modalidade de Tocata, competicións que terán lugar na Fraga e no pavillón polideportivo municipal, respectivamente.

Xa para o sábado 27, ás 12.30 horas está previsto que se celebre a entrega de medallas das diferentes disciplinas deportivas nun acto que terá lugar no campo de fútbol do Poboado e que estará presidido pola concelleira de Deportes, Eva Conde.

Os pequenos e pequenas interesados en participar nestas probas terán ata o vindeiro día 19 para formalizar a súa inscrición. Para iso tan só terán que cubrir o pertinente formulario, que poderán atopar nos seus respectivos colexios, e entregalo a calquera membro da asociación de pais e nais de cada centro escolar.

Sociedade